Sés lanzará o seu oitavo disco, «Diante un eco», o 25 de novembro

L. R. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da portada do novo disco de Sés.
Detalle da portada do novo disco de Sés.

A cantautora fará unha xira que abrirá en Galicia con concertos en varias cidades entre os días 10 de decembro e 3 de febreiro

17 oct 2022 . Actualizado a las 22:47 h.

Sés lanzará o seu novo disco, Diante un eco, o oitavo da súa carreira, o próximo 25 de novembro, un proxecto que presentará en sociedade con varios concertos en Galicia antes de iniciar una xira polo resto de España e por Latinoamérica.

Con once anos de traxectoria, a cantautora —que se erixiu nunha das principais referencias da escena musical da comunidade— firma un traballo cunha sonoridade «fresca e alegre», anota a artista que nunca esquiva nas súa letras a realidade que a rodea. De feito, subliña, este álbum supón un regreso aos inicios desde o oficio e a madurez que ten alcanzado, así como «unha reafirmación, sen complexos, da estética popular da que se sinte amante e debedora».

Co seu discurso valente e directo, alude no título á concepción cíclica da historia, «tristemente avalada pola deriva socio-política que se vive nos días actuais», segundo explica ela mesma: «É o eco —engade— dun pasado tráxico, da volta aos totalitarismos, da lousa dunha profunda e crecente desigualdade social, dos retrocesos en igualdade de xénero».

Desde «unha visión alternativa da sofisticación, horizontal e intercultural», Sés non renuncia á calidade poética que caracteriza a súa música, que viaxa entre ritmos americanos do norte e do sur «repensados en galego e en feminino». Acompañada da súa banda, no seu inicial percorrido, pasará por A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Vigo e Narón entre os días 10 de decembro e 3 de febreiro.