Especialistas profundarán na lingua, a literatura e o activismo político de Florencio Delgado Gurriarán

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903-Fair Oaks, California, 1987), o protagonista das Letras Galegas 2022.
Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903-Fair Oaks, California, 1987), o protagonista das Letras Galegas 2022.

O simposio, promovido pola RAG, celebrarase os xoves 3 e 10 de novembro

01 nov 2022 . Actualizado a las 13:55 h.

Vai encarando o seu final o ano Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903-Fair Oaks, California, 1987), e nesa recta última sobresae o simposio sobre o autor ourensán que promove a Real Academia Galega (RAG) e que se celebrará os próximos xoves 3 e 10 de novembro. Este encontro profundará en distintos aspectos da lingua, a literatura e o activismo político e cultural do protagonista do Día das Letras Galega 2022, figura destacada do exilio galeguista en México e poeta da terra e da lingua de Valdeorras que permanecía esquecido e que foi un gran descubrimento para o lector de hoxe. O simposio servirá tamén de escenario para a presentación do libro Co anceio de volver. Conversas con Florencio Delgado e Celia Teijeiro, unha edición da RAG ao coidado do biógrafo do autor homenaxeado nas Letras Ricardo Gurriarán, e rematará cunha actuación musical do guitarrista tudense Samuel Diz e a soprano Belén Vaquero dedicada á canción galega en México no exilio de 1939 —incluirá composicións do lugués Jesús Bal y Gay e de María Teresa Prieto, Rodolfo Halffter e Gustavo Durán.

As dúas xornadas desenvolveranse —será a partir das 17 horas— no salón de actos da sede da RAG (na coruñesa rúa Tabernas) con entrada libre —as intervencións poderán seguirse tamén en directo dende academia.gal.

Rodolfo Prada e Otero Pedrayo

O académico Xesús Alonso Montero abrirá o programa deste xoves cunha análise da poesía sociolingüística do vate valdeorrés e doutros autores do seu tempo. Deseguido, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, moderará unha mesa redonda que contará coas contribucións do académico correspondente Ramón Nicolás, que presentará dúas incursións na epistolografía de Delgado Gurriarán centradas na súa correspondencia con Rodolfo Prada e Ramón Otero Pedrayo; a directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez Moldes, que achegará unha ollada á voz do poeta dende Valdeorras; a filóloga Concepción Álvarez Pousa, que profundará nas fontes léxicas na lírica do autor; e o catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva, que se centrará nas traducións de Delgado Gurriarán ao galego de poetas como Walt Whitman ou Paul Valéry.

A xornada concluirá coa presentación do volume que reúne a conversa que Delgado mantivo en 1979 coa antropóloga catalá establecida en México Dolors Pla (1954-2014) para o arquivo da historia oral do exilio español no país que os acolleu a ambos, nunha versión traducida ao galego e editada para a ocasión; e mais a entrevista que Ricardo Gurriarán lle fixo á dona do homenaxeado, Celia Teijeiro, en 1998.

Ricardo Gurriarán participará tamén no simposio das Letras Galegas 2022 o xoves 10 de novembro, abrindo o programa do día cun relatorio sobre a biografía de Delgado Gurriarán (17 horas). A mesa redonda da tarde, moderada polo director da sección de historia da RAG, Ramón Villares, reunirá o profesor de Filosofía Xosé Luís Pastoriza, que abordará a etapa vital da Guerra Civil e do primeiro exilio do autor; a historiadora Pilar Cagiao, que falará do México ao que chegou Florencio en 1939; e Samuel Diz, que tenderá pontes entre Delgado e o violinista ferrolán Xesús Dopico, primeiro presidente do Padroado da Cultura Galega en México e que chegou tamén á outra beira do Atlántico a bordo do Ipanema.