Alberte Ansede: «Saleta non quería que se lembrara a Manuel María con melancolía»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

CULTURA

Alberte Ansede xunto a Saleta Goi diante da Casa-Museo de Manuel María
Alberte Ansede xunto a Saleta Goi diante da Casa-Museo de Manuel María PILAR SILVA

Tras a morte da viúva do poeta a fundación segue adiante co seu legado

18 nov 2022 . Actualizado a las 12:27 h.

O padroado da Fundación Manuel María de Estudos Galegos elixiu a Alberte Ansede (Vilasantar, 1957) como o seu novo presidente, ocupando a vacante no cargo provocada polo recente pasamento de Saleta Goi, viúva do escritor. A propia Saleta tivera a iniciativa de constituír a fundación unha vez falecido María no 2004, co fin de reunir todo o seu legado e difundir a súa obra literaria. A fundación, declarada de interese galego no 2007, adquiriu nese momento a casa natal do escritor en Outeiro de Rei para, despois de remodelala, abrila ao público no 2013 como casa-museo e espazo de divulgación artística.

A fundación, ademais de promover a edicións de libros de María, organiza con gran éxito de participación, sobre todo no eido educativo, recitais, actividades e certames de poesía, videopoemas, teatro, música e danza. Ansede —profesor de Filosofía e que era o secretario da fundación (cargo que ocupará agora Antón Laxe)— explica como intentarán dar continuidade ao legado do escritor chairego.

—O relevo de Saleta será unha continuidade no traballo que xa levaban a cabo?

—Si que será de continuidade, máis alá de que eu non podo substituír a Saleta. Pero tivemos claro desde o principio que era necesario ter un bo equipo que dea continuidade histórica ao legado de Manuel María. E tivemos a sorte de que a viúva nos entregou absolutamente todo, desde mobles a libros, pasando por documentos e obras de arte, e miles de audios e vídeos.

—A casa-museo é moito máis que un espazo de homenaxe e digamos que se converteu nun lugar para expoñer o traballos de artistas, músicos, grupos de teatro...

—Saleta e mais eu non queriamos que a casa se convertese nun relicario, nunha especie de tesouro ben gardado. Saleta cría que Manuel María non podía ser lembrado con melancolía e que se fixera todo como unha homenaxe mirando ao pasado. Ela quería que se promovesen actividades para que a sociedade galega coñecese a súa obra e fose empregada a través de diferentes disciplinas artísticas. A obra literaria que se lle dá a un país necesita ser vivida cada día, actualizándose e achegándolle algo ás novas xeracións.

—Pero para levar a cabo tan boas intencións fan falta recursos económicos, materiais, humanos...

—Calquera persoa que estea nunha directiva sabe que hai que facer números, e nós temos moitos que facer, pero creo que para que este tipo de proxectos funcionen se necesitan equipos, e nós lográmolo con voluntarios que fan un traballo grande, e logo poñemos cartos dos nosos petos. Hai unha parte do padroado que son persoas moi maiores ou que viven fóra de Galicia e que pouco poden axudar, pero os máis novos tentamos darlle continuidade histórica a Manuel María. Por exemplo, documentamos durante un ano os 12.000 libros da súa biblioteca e organizamos toda a documentación. E para facer todo este traballo ninguén se deu de baixa, porque ademais supuxo unha grande emoción analizar os papeis.

—No 2016 dedicouse o Día das Letras Galegas a Manuel María. Que supuxo para a fundación?

—Moito, porque a casa-museo abriuse en setembro do 2013 e para nós supuxo unha enorme proxección, que soubemos aproveitar cunha planificación de actividades. Tivemos visitas de escolares todos os días. Para calquera museo pequeno os primeiros cinco anos non son nada fáciles, pero a nós acelerounos o proceso de coñecemento. E logo tamén nos serviu para comezar a reeditar os libros de María, porque xa non estaban nas librarías.

—Manuel María foi un poeta que gozou de popularidade entre a xente, pero como cre que é percibido hoxe en día polos galegos?

—O traballo da fundación foi decisivo para que a súa obra siga presente en determinados sectores da sociedade. Pero tamén creo que o sistema educativo galego non favorece á literatura galega e si prima máis á lingua. Os clásicos da literatura galega, e María xa é un clásico, teñen presenza raquítica no sistema educativo. Aínda así, dentro das limitacións, a obra e a figura de Manuel María, en termos relativos, é máis coñecida ca doutros autores da súa época.