Barbantia é unha asociación cultural de 356 socios —356 patriotas da causa da cultura—, coa súa sede oficial na vila de Boiro (A Coruña) e que ten como órgano institucional a revista Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza, douta onde as haxa. O día 10 presentouse o número 18, correspondente ao presente ano, publicación que coroa un elenco de traballos sobre historia, arte, literatura, ensino, antropoloxía... da comarca, xa indispensables para quen queira coñecer persoas, feitos, monumentos e modos de vida de tan extraordinaria comarca. Na última entrega podemos debruzarnos sobre a biografía da represaliada Manuela del Río (1891-1963), unha especie de mestra do ferrado que, en 1932, titulou un artigo seu Ciudadanas proletarias. ¡A la lucha!, ou sobre a figura de Manuel Fernández Varela (1772-1834), que tanto contribuíu á «monumentalización de Miguel de Cervantes», artigo este de Pastor Rodríguez, un dos grandes dinamizadores da asociación; o da mestra é da autoría de Antón Rodríguez Gallardo. Cómpre salientar tamén a tradución galega, por Jorge Ramos García (pseudónimo?), do poeta estadounidense Edwin Rolfe, de catro poemas sobre a guerra civil española, na que foi un dos brigadistas internacionais.
Pero a asociación Barbantia, fóra da súa importante revista, publica, como volumes exentos, entre outros, os dedicados a ofrecer, en edición bilingüe, voces moi valiosas da poesía foránea moderna: unha escolma de Douglas Dunn (1942), traducida por María D. Armental, e dous títulos de Arthur Rimbaud (1854-1891), Iluminacións e Unha tempada no inferno, en tradución de Eme Cartea, presidente de Barbantia. O volume, unha auténtica edición de bibliófilo, foi ilustrado por Manuel Teira e prologado por Ramón Arén, pseudónimo —penso— de Xesús Laíño Brines-Arén, un dos letraferidos galegos de maior e mellor erudición literaria.
Abraia, de feito, o labor cultural que desenvolve Barbantia. É un exemplo de cidadáns comprometidos moi a fondo coa causa da cultura, da cultura que abre os ollos, como diría Pedro Petouto, citado por un dos oradores do inesquecible acto literario.