Os neoloxismos «idadismo», «trans» e «cis» xa están no dicionario da RAG

HÉCTOR J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A RAG estrea unha nova aplicación máis áxil para dispositivos móbiles tanto de Android como de iOS.
A RAG estrea unha nova aplicación máis áxil para dispositivos móbiles tanto de Android como de iOS. Vítor Mejuto

A Real Academia Galega incorpora ademais termos como «narco», «trata», «ocupa», «jacuzzi» e «spa» e acepta «chao» como despedida

11 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A sociedade cambia, a lingua cambia. Xorden novas necesidades e hai que nomealas. Todos os días agroman conceptos, produto de novos obxectos e realidades, dun mundo que se move. E, claro, hai que poñerlles nome. Ás veces eses nomes tardan seu tempo en consolidarse. A sociedade vai por diante, a xente do común, os medios de comunicación, pero o poso vai quedando teimudo, vai prendendo no solo fértil do idioma e os especialistas da lingua e os académicos teñen que facerse eco desa decantación cotiá, sopesala, calibrala, ordenala, poñela en limpo. Unha lingua (ou todas as linguas) non precisa nomear todas as realidades, pero en canto unha destas realidades incide no seu funcionamento, entón si, que si, hai que nomeala. Ocorre en ocasións que esa palabra nova xa vén ratificada polo uso noutras linguas, que se adiantaron, presionadas pola súa propia realidade, máis avanzada ou non, e daquela transfírese, adóptase desde a lingua de procesos máis lentos (polo que sexa).

De cando en vez, a RAG (Real Academia Galega) fai unha peneira e entran no seu dicionario novas palabras e tamén novas acepcións doutras xa rexistradas. Non é un espazo dixital calquera. Rematou o ano pasado preto dos 35 millóns de consultas. Aquí, deste xeito, non hai casualidades, todo está medido, é o «froito do traballo de revisión constante desta ferramenta fundamental que realizan os membros do seminario de lexicografía da RAG», lembra a Academia, que engade que parte das modificacións «responde ademais ao diálogo que se establece cos usuarios, que poden enviar as súas suxestións a través da lapela Axúdanos a mellorar», o que é tamén unha invitación á cidadanía a participar, a implicarse no desenvolvemento da lingua de Rosalía.

Este mesmo martes anunciou a RAG a inclusión de 400 entradas, ampliacións e modificacións, entre as que sobresaen os neoloxismos cis [que se recoñece na identidade de xénero que lle foi atribuída ao nacer en función do seu sexo] e trans [que ten unha identidade de xénero distinta á que lle foi atribuída ao nacer en función do seu sexo], formas abreviadas, respectivamente, de cisxénero e transxénero, que xa contaban con cadansúa entrada e que andan empapadas de urxencia porque están acotío no telexornal, sobre a mesa do debate (intensísimo) no ámbito social e, ultimamente, no político e no lexislativo, animado con frecuentes polémicas.

Outros dos neoloxismos agora aceptados son idadismo e idadista, que se refiren á discriminación contra persoas ou colectivos por razóns de idade, especialmente cando se produce contra os maiores, marxinados só polo feito de selo, como se a sociedade non tivese sitio para eles desenvolvérense. É esta unha incorporación ben oportuna tendo en conta que clase de país é Galicia, un país envellecido.

A crecente preocupación polo cambio climático tamén está presente coa entrada da voz antropoceno e das locucións quecemento global e efecto invernadoiro.

«Mandala» e «zápping»

Entran ademais no dicionario estranxeirismos como mandala e —non é sen tempo— zápping e tampouco faltan voces de vocabularios especializados pero de uso estendido por distintos motivos como incomparecencia, peticionar ou trabar [de embargar], no caso do léxico xurídico; ou de escoada, sinónimo de coada, e delta lávico, que se suman a outras incorporacións derivadas da revisión que propiciou a erupción do volcán de La Palma no 2021.

Un ámbito no que houbo moitas novidades é o da meteoroloxía, de onde chegan vocábulos que o falante daba por feitos como climático e anticlimático, pero tamén algúns máis especializados como altostrato, altocúmulo, cúmulonimbo e outros que se revisan como cirrostrato, cirrocúmulo, cúmulo, estrato, estratocúmulo e nimbostrato.

Tamén o lecer, as vacacións, as hospedaxes serán máis sinxelas a partir de agora en galego —viaxeiros e balnearios agradecerano— coa aceptación de termos como spa, jacuzzi, hidromasaxe e masaxear. O mesmo pensarán os policías, xuíces, fiscais, avogados e xornalistas de sucesos e tribunais coas relevantes incorporacións de trata, narco, anfetamina, ocupa, incomparecencia, auditar e procedemental.

Son cousas que moitos pensarán xa sabidas de hai anos, pero sucede que existen decenas de palabras que aínda non figuraban no dicionario da RAG cando si operaban como moeda corrente na vida cotiá. É o caso de alevín, aeroxerador, carraspear, chacinería, contracultura, subcultura, competitividade, desestabilizar, estancar, expendedoría, embelecedor, lexibilidade, quitaneves, pasarrúas, pompa, puxar, titorizar, versionar, etcétera.

Adición moi ben recibida será a acepción de chao —alén do sinónimo de chá e chan— como fórmula de despedida (interxección coloquial) e sinónimo de abur e adeus. Esta rendición ante o uso case universal de chao facía matinar onte a filólogos consultados que a incorporación da palabra follar ao dicionario da RAG «está máis próxima do que moitos pensan e queren admitir, pola súa utilización masiva, case por aclamación», e pese a que si serven normativamente as expresións botar un foguete, botar un canivete e foder, rexeitadas por algúns escritores por demodé. A narradora e xornalista María Solar abría o melón do debate nas redes sociais hai meses.