«Saudade de ti» e «A lei de Santos» optan ao galardon á mellor serie do ano nos Mestre Mateo

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Imaxe da gala dos premios Mestre Mateo do ano 2021
Imaxe da gala dos premios Mestre Mateo do ano 2021 CEDIDA

A gala dos premios terá lugar o próximo 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense

07 feb 2023 . Actualizado a las 20:08 h.

Dúas producións de Voz Audiovisual, A lei de Santos e Saudade de ti, optan a ser recoñecidas como mellor serie de ano nos premios Mestre Mateo que se celebrarán o próximo 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense. As dúas series emítense na TVG e compiten polo galardón con Operación Marea Negra e Rapa.

As nominacións dos premios fixéronse públicas onte por parte dos académicos Esther Estévez, Iolanda Muíños e Xosé A. Touriñán. Nesta primeira rolda de votacións Rapa quedou como a produción máis votada entre as 194 que se presentaron con 19 candidaturas. Séguelle por O corpo aberto, con 16, Código Emperador, con oito e Unicorn Wars, con seis.

Dous dos profesionais finalistas contan con tres candidaturas: Alberto Vázquez, polo seu traballo en dirección, guión e dirección de arte de Unicorn Wars e Jorge Coira, pola montaxe de Rapa e a dirección de Código Emperador e Rapa. Esta serie, dirixida por Jorge Coira e Elena Trapé, e a longametraxe de Ángeles Huerta O corpo aberto, acaparan as candidaturas das categorías de interpretación e competirán na mellor dirección, dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e perruquería, montaxe, son e vestiario.

En Rapa, Berta Ojea, Iria Sobrado e Paula Morado son finalistas na categoría de mellor interpretación feminina de reparto e Lucía Veiga e Mónica López na de mellor interpretación feminina protagonista. Ricardo de Barreiro e Adrián Ríos son finalistas como intérpretes de reparto e Javier Cámara como protagonista.

En O corpo aberto, Elena Seijo e Federico Pérez Rey competirán nas categorías de reparto e María Vázquez, Victoria Guerra e Tamar Novas como intérpretes protagonistas. Completan as candidaturas de interpretación Denís Gómez (reparto) e Luís Tosar (protagonista) en Código Emperador e Manuel Manquiña (protagonista) en O home e o can.

O corpo aberto é finalista a mellor longametraxe xunto con Código Emperador, Live is Life e O home e o can. Este ano hai dous filmes de animación que competirán polo premio nesta categoría: Valentina e Unicorn Wars. As finalistas a Mellor documental son A foreign song, María Casares. A muller que viviu mil vidas, No somos nada e Onde máis doe.

Na categoría de Mellor serie web compiten Delicias amargas, Historias vageniales, Prigandas e Terapia de. Na categoría de Mellor comunicador as académicas e académicos quixeron recoñecer o traballo de Esther Estévez, Simone Saibene, Xose A. Touriñán e Mario Brión Toucedo. No caso dos tres primeiros, tamén foron recoñecidos os programas polos que compiten na categoría corrrespondente: Dígocho Eu, Cinephilia, Catro Gatos, ademais de Clac. Na categoría de Mellor realización son finalistas Rubén Veiga (Malo Será!), Simón Casal de Miguel (Artificial Justice), Simone Saibene (Cinephilia) e Jairo Iglesias (Catro Gatos).