
Neruda morreu con 69 años. As historias que se contaron converteron o pasamento nun misterio que pareceu aclararse en outubro do 2017, cando expertos internacionais confirmaron que morrera por un avanzado cancro de próstata. Agora, Roberto Reyes, avogado e sobriño do escritor, revela que se debeu a un botulismo provocado no seu corpo e que ataca o sistema nervioso.
Neruda naceu en 1904 e morreu en 1973, convertido no «máis grande poeta do século XX en calquera idioma», como dixo García Márquez. Foi xa daquela cando comezou a falarse de que fora eliminado polo ditador —e feroz inimigo político— Pinochet.
O periódico chileno El ciudadano foi o primeiro que deu conta dunha fonte próxima á causa xudicial, segundo a que o envelenamento do poeta se debería a unha toxina botulínica. Pero a noticia desinflouse sen confirmación. Axiña xurdiron novas revelacións, como a de que un falso doutor o tería pinchado en setembro de 1973 na clínica Santa María, a onde o trasladaran desde a súa casa en Isla Negra por causa do cancro.
Dúas semanas despois do golpe de Estado de Pinochet, que acabou co réxime socialista de Salvador Allende, o escritor, ó que xa lle diagnosticaran un «cancro non terminal», manifestou a súa decisión de exiliarse en México.
Anos despois da súa morte estiven na súa casa de Isla Negra, onde viviu e foi enterrado, e o tema da morte xa non era obxecto de debate, aínda que ninguén descartaba o asasinato. Unha estraña aceptación precintaba a contorna e todos estaban dispostos a falar do poeta, moi vivo no recoñecemento internacional, pero sen especular sobre o deceso.
Comín cuns humildes pescadores da zona e todos lembraban ao home que ía e viña sen parar e que era tan recoñecido en todo o mundo. «Era amable con vostedes?», pregunteilles. «Era moi amable con todos, pero tiña o seu xenio e os seus costumes».
O magno poeta Neruda, premio Nobel de literatura, deixounos unha mensaxe ben clara: «Queda prohibido non sorrir ante os problemas, non loitar polo que queres, abandonalo todo por medo, non converter en realidade os teus soños». Como el fixo.