O CDG rescata a Xohana Torres para abordar a relación do rural e o urbano

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

Xoán A. Soler

«Un hotel de primeira sobre o río», dirixida por Goçalo Guerreiro e María Torres, estrearase este venres en Santiago

28 mar 2023 . Actualizado a las 23:38 h.

Ruth vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel cunha área recreativa e sofre as presións para que renuncie ás súas terras, á súa casa e ás súas raíces. Este é o punto de partida de Un hotel de primeira sobre o río, o texto de Xohana Torres que foi recoñecido en 1968 co Premio Castelao e que agora recupera o Centro Dramático Galego (CDG) para a súa nova produción que se estrea este venres no Salón Teatro de Santiago baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro e María Torres, fundadores da compañía Elefante Elegante. «Deste xeito, saldamos a débeda que había con Xohana Torres», incidiu o director da compañía pública galega, Fran Núñez, xa que esta será a primeira vez que se monta profesionalmente.

Pero máis alá de saldar unha débeda, trátase dun texto «que segue sendo moi pertinente», resalta María Torres. Nel abórdanse cuestións de plena vixencia como a especulación urbanística, a ecoloxía, a figura da muller, a emigración, o éxodo rural... Iso si, Guerreiro e Torres foron un pouco máis alá do texto e, collendo os eixos principais, tamén crearon algunha personaxe nova. «Pretendemos xerar un debate entorno ao rural e o urbano. No texto orixinal, Xohana Torres quédase máis no rural, con xente que marcha do rural para o urbano pola presión urbanística, e para nós tamén era importante dicir: e, aqueles que viven no urbano e tamén queren ir para o rural? Onde están? Por que hoxe en día hai ese movemento?», apunta o codirector da peza, Gonçalo Guerreiro. Nese sentido, María Torres engade que o texto de Xohana «a nivel ideolóxico era moi claro, e agora hai outras maneiras de convivir. Non se trata de dicir isto está ben ou mal».

Ademais de ampliar o debate, os dous directores tamén pasaron a peza de Xohana Torres pola súa propia linguaxe, facendo dialogar o texto orixinal co teatro do movemento. «Gústanos o traballo non verbal, e asumindo todas as características literarias do orixinal, tamén o levamos á nosa linguaxe, que vive máis do corpo», profunda Gonçalo Guerreiro. O obxectivo, apuntaron, «é que sexa un traballo estético, máis desde o pictórico».

Da interpretación encargaranse Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Merche Pérez, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga, que se teñen que mover nun espazo escénico deseñado «de xeito que se poña en risco o equilibrio e a estabilidade». A música tamén xoga un papel primordial. Foi composta por Manuel Fonte Loureiro a raíz de ver as escenas e non antes.

Un hotel de primeira sobre o río poderá verse en Santiago ata o 30 de abril de mércores a domingo, para despois emprender unha xira ata o 21 de maio que chegará a Vigo, Póvoa do Varzim (Portugal), Lugo, O Barco de Valdeorras, Ourense, Narón e A Coruña. A súa estrea este venres deixará un fito histórico: dúas producións propias da compañía pública galega na mesma cidade, segundo incidiron o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o do CDG, Fran Núñez. Ata o domingo represéntase no colexio de Fonseca Shakespeare en Roma, que logo viaxará ao Festival de Mérida en xuño. Sutil incidiu na proxección do CDG xa que tamén chegará a México coa peza Canta máis luz, máis sombra.