Cabo Verde I

CULTURA

Cesária Évora (Mindelo, Cabo Verde, 1941-2011), nun concerto en Galicia.
Cesária Évora (Mindelo, Cabo Verde, 1941-2011), nun concerto en Galicia. César Quian

Foi hai tempo que escoitei casualmente nun local de Compostela unha fermosa canción cunha poderosísima voz de muller. Pensei que se trataba dunha cantora brasileira. O seu idioma era portugués mais o acento non me encaixaba, como tampouco o seu estilo co que eu coñecía da música brasileira. Era moi semellante pero ao mesmo tempo distinto. A canción que soaba era a icónica Sodade [Saudade] e sentinme na obriga persoal de preguntar quen era aquela muller de voz tan engaiolante e familiar. Aí descubrín á impresionante Cesária Évora, cantora de nacionalidade caboverdiana, que viña dun lugar que daquela apenas era capaz de ubicar no mapa.

Grazas á música descubrín o país; un fermosísimo arquipélago volcánico, soberano e atlántico situado fronte ás costas de Senegal. Despois da marabilla musical de Cesária Évora chegaron máis nomes, ela só me abriu unha porta para ir coñecendo outros grandes representantes da música daquelas terras como Lura, Sara Tavares ou Tito París. A música como grande embaixadora cultural no mundo e Cabo Verde ao igual que outros países prestixiándose e ensinando o seu gran acervo internacionalmente por esta vía tan interesante e válida.

Pasaron anos e deuse a casualidade de que o prestixioso festival internacional itinerante de músicas do mundo Sete Sóis Sete Luas quixo contar con Luar na Lubre para ir tocar a este país de fala lusófona. Foi no ano 2006 cando fixemos un concerto memorable na cidade de Ribeira Grande situada na Ilha de Santo Antâo. Unha fascinante illa volcánica chea de contrastes e de xentes tranquilas e ben acolledoras que falan coma nós.

Daquela tiñamos o hotel moi pretiño dun pequeno porto pesqueiro do que non paraban de entrar e saír embarcacións de pouco calado, pero cada unha das que entraba viña cargada de peixe aínda vivo. No mesmo lugar mercábanlle ese peixe que tamén tivemos a sorte de saborear nunha cea no propio hotel. Moitas experiencias vividas naquela ocasión en moi pouco tempo. Este ano volvemos con cinco concertos nas diferentes illas. Unha ocasión marabillosa para gozar ao vivo das músicas deste país e poder amosarlle tamén algo das nosas.