O «Miño» tómalle o pulso á narrativa curta en galego

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

«Miño» (Xerais), un percorrido narrativo que viaxa no tempo entre María Xosé Queizán (1939) e Lara Dopazo Ruibal (1985).
«Miño» (Xerais), un percorrido narrativo que viaxa no tempo entre María Xosé Queizán (1939) e Lara Dopazo Ruibal (1985).

Xerais publica unha antoloxía do relato actual que congrega a 38 autores como secuela de «Fisterra» e que decontado terá terceira entrega

02 may 2023 . Actualizado a las 16:14 h.

Xerais retoma o fío do proxecto Fisterra. Relato curto en Galicia, que no 2022 editara o selo Linteo da man da entidade cultural Amigos do libro galego/Artes e letras que integran como coordinadores Manuel Pato Vidal, Manuel Álvarez e Xosé Manuel del Caño, os mesmos que agora impulsan este Miño. Antoloxía do relato galego actual, que lle toma o pulso á narrativa curta do país. Se a escolma de Fisterra congregaba corenta pezas dun moi amplo e transxeracional abano de autores que acollía nomes como Xosé Luís Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Olga Novo, Paula Carballeira, Luz Darriba, Anxos Sumai, Pedro Feijóo, Antón Riveiro Coello, Emma Pedreira e María López Sandez, Miño prosegue ese labor ensanchando os marcos dun territorio que debuxan as plumas de Marilar Aleixandre, Camilo Franco, Manuel Rivas, María Xosé Queizán, Eva Veiga, Domingo Villar, Ramón Nicolás, Luisa Castro, Lupe Gómez e unha trintena máis, algúns de máis u menos recente incorporación ao universo das letras, puro século XXI, como Esther F. Carrodeguas, Mariña Pérez Rei, Xesús Constela, Mercedes Leobalde, Diana Varela Puñal e Lara Dopazo Ruibal, nun percorrido narrativo viaxa entre a voz máis vella de Queizán (1939) e a máis nova de Dopazo Ruibal (1985).

Dicía Manuel Forcadela no prólogo de Fisterra que o panorama contemporáneo que alí se trazaba ía desde «as páxinas do diario romántico ao último chío de Twitter», e que aquel traballo seguirá durante moito tempo a iluminar «a presenza do límite dunha terra. Fisterra. Finis Terrae». Coma naquel caso, no que se perfilaban as lindes dun país, este Miño explica a gran canle que atravesa, vertebra e dá identidade a ese territorio dos mil ríos, cos seus afluentes irrigando todo o territorio. Como lembra Del Caño nun breve epílogo, este caudal fluvial fundamenta a cultura de Galicia, e esta antoloxía unicamente vén sumar as súas augas a tantos outros autores que traballaron co río na mirada, no peito ou na memoria.

A profesora da Universidade de Vigo Rexina Vega vai alén desta análise para proclamar chea de ledicia que esta cumprida escolla amosa con rotundidade «a enorme diversidade e calidade» que posúe a narrativa galega, que, di, «nunca como agora», acolle «tantas voces creando tantas liñas de sentido, tantas formas de ordenar o mundo». Unha produción, incide no limiar, que ten «superado xa completamente o nacionalismo literario» para acadar poéticas que «transitan libres e porosas» sen perder o acento e compartindo, lingua, «casa e ferida». Un proxecto no que xa se traballa na súa terceira entrega e do que algún día ben poderá afirmarse, apelando a Cunqueiro e sen medo a caer en tópicos, que «fixo que Galicia durase mil primaveras máis».