Pontedeume festexa o 650.º aniversario da tradución da «Crónica troiana» ao galego por Fernán Martís

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Uxío Novoneyra e Ramiro Fonte son dous dos autores que configurarán o día 17 de maio o cortexo cívico eumés.
Uxío Novoneyra e Ramiro Fonte son dous dos autores que configurarán o día 17 de maio o cortexo cívico eumés.

Un cortexo cívico percorrerá as rúas da vila o 17 de maio para revivir os seus vínculos coa literatura e a lingua galegas

13 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Pontedeume festexa estes días o 650.º aniversario da tradución ao galego do Roman de Troie de Benoît de Sainte-Maure. Chegou á lingua propia por desexo de Fernán Pérez de Andrade, O Bo, que lle encomendou o labor ao seu capelán Fernán Martís, responsable principal de traer a Crónica troiana desde o francés. «Celebramos que desde 1373 Paris e Helena falan coma nós e tamén que, desde entón, as letras galegas non deixaron de cultivarse en Pontedeume», subliña o deseñador Pepe Barro, vicepresidente do Ateneo Fernán Martís, entidade que —xunto co colectivo Terra e o Concello de Pontedeume— promove a conmemoración de tan feliz acontecemento.

Como acto central para celebrar a efeméride, preparan un cortexo cívico que percorrerá as rúas da vila o 17 de maio, entre as 12.00 e as 14.00 horas—, nunha maneira diferente de sumarse ao Día das Letras Galegas. «Este cortexo vén ser unha demostración de como callou o amor polas letras galegas en Pontedeume —incide Barro—, será un paseo polas rúas da vila pero tamén un paseo pola historia da literatura galega, como amosa o programa que preparamos».

O cortexo artéllase en torno a nove puntos de atención, cada un deles centrado na figura dun autor ou grupo de autores da literatura galega que mantiveron algún tipo de vínculo coa localidade eumesa. En cada unha das nove paradas haberá unhas palabras, que virán da man de, respectivamente e por este orde, Carmen Blanco, Anxo Angueira, Manuel Ferreiro, Emma Pedreira, María Barcala, Miguel Anxo Seixas, Lois Diéguez, Suso de Toro e Claudio Rodríguez Fer. Alí, no lugar público, nas fiestras e nos balcóns relacionados cos escritores festexados, ofrecerán unha breve explicación seguindo un periplo guiado por dez músicos da banda Charamela: nos Xardíns de Lombardero, Blanco lembrará a poeta eumesa Isabel de Castro e Andrade (1528-1582) para dicir que a muller sempre tivo un papel na cultura galega pese a non saír unha soa na foto da visita das Irmandades da Fala en 1916; no Torreón dos Andrade, Angueira recitará o poema Pontedeume de Uxío Novoneyra; no Mercado, o profesor Ferreiro ocuparase de quen foi Fernán Martís; ante o portal número 5 da rúa de Santiago, Pedreira evocará a Xohana Torres que traballou en 1954 —nesa mesma casa— como encargada da oficina de Telégrafos; na mesma rúa, pero no número 1, desde o balcón da casa de Galo Salinas, Barcala fará un alegato a prol do teatro; na rúa de Santo Agostiño, 9, Seixas enxalzará o valor da investigación histórica na figura do mestre e erudito Couceiro Freixomil; na praza do Convento, Diéguez recordará a Ramón Regueira coa lectura de poemas do libro vetado polo franquismo Con Vietnán; no número 1 da praza da Angustia, ao fío da infancia de Ramiro Fonte (1957-2008), Suso de Toro falará sobre a creación literaria; e na mesma praza, onde se hospedaba Luís Pimentel para pasar os veráns, Claudio Rodríguez Fer revivirá os versos do seu paisano o poeta lugués.