La Voz ofrece este mércores unha escolma de artigos de Fernández del Riego
CULTURA
O volume poderá conseguirse por 1,95 euros mais o cupón do lombo do xornal
16 may 2023 . Actualizado a las 23:56 h.Como parte da celebración do Día das Letras Galegas, xa é tradición que La Voz de Galicia ofreza aos seus lectores un libro relacionado coa figura homenaxeada. Neste 2023, o xornal distribúe este mércores o volume Francisco Fernández del Riego: a tinta de Galicia, que se pode adquirir co periódico por 1,95 euros mais o cupón que figura no lombo do diario (os subscritores pódeno solicitar gratuitamente no teléfono gratuíto de atención ao subscritor 900 154 218).
A obra é, en esencia, unha escolma de medio cento dos moitos artigos que Del Riego publicou en La Voz ao longo dun dilatado período que se prolongou varias décadas. O intelectual comezou a asinar colaboracións no xornal xa na década dos anos corenta do século pasado, baixo o pseudónimo Salvador Lorenzana. Cando publicou o seu derradeiro artigo, no 2010, pouco antes do seu pasamento, a súa contribución sumaba centos de textos que o converteran nunha firma de referencia. Son artigos que amosan a amplitude dos seus intereses: Galicia; a lingua e a literatura, por suposto; pero tamén a arte, a paisaxe, a gastronomía e as numerosas lecturas que foron unha constante na súa vida.
O conxunto de artigos, que inclúe o último de don Paco que apareceu en La Voz de Galicia, forman un retrato intelectual e tamén humano do home que traballou arreo por dignificar e proxectar a cultura galega cara ao futuro. Esa sorte de biografía a través das súas palabras compleméntase cunha aproximación aos seus principais trazos vitais a cargo do responsable do volume, o escritor e xornalista de La Voz Xesús Fraga. «Resumir unha figura tan poliédrica como foi Del Riego é difícil, por ese abano tan amplo dos seus intereses e polas múltiples frontes nas que traballou, pero ao mesmo tempo é fácil, porque as ideas de Galicia e a liberdade ou a democracia, inseparables a unha da outra, sempre foron unha constante para el», indicou onte na presentación do libro en Vigo.
Entrevista inédita
O autor tamén lembrou como unha mañá do 2004 se achegou a Vigo para entrevistar a Fernández del Riego sobre a viaxe que fixera a Inglaterra, na compaña de Álvaro Cunqueiro, no ano 1966. Unha conversa que gravou, pero que ficou inédita ata a súa inclusión neste volume, e que reconstrúe non só aquela expedición cun intenso propósito literario, senón tamén o ambiente do galeguismo durante os anos da ditadura e algúns dos gustos de don Paco. Unha fotobiografía e unha cronoloxía vital, ademais dunha bibliografía escolleita, completan a publicación, que constitúe unha cumprida achega á obra e á personalidade do escritor homenaxeado neste Día das Letras.