Navegabamos polo río no catamarán. O Sil discorría encaixonado entre as paredes penedosas. Era impresionante a paisaxe que se ofrecía ante a nosa ollada. Os dous muros case verticais e penedais aparecían poboados de vexetación. O canón polo que a corrente fluvial decorría servía para afastar terras luguesas e ourensás. As escasas pequenas chairas que o accidentado terreo posuía utilizáranse para a construción de mosteiros e ermidas que deron á comarca o nome de Ribeira Sacra.
A bisbarra non só estaba regada polo Sil. Eran moitos os regueiros que a bañaban, procedentes das serras veciñas. Na nosa andadura batemos cunha orografía multivariada, con vexetación peculiar. Durante o percorrido atopámonos con grandes superficies aterrazadas pola formación de bancais, sostidos por muros de pedra. A paisaxe e a vexetación presentaban ao noso paso un especial atraemento.
Andamos e andamos. Achegámonos a hábitats escarpados con altas abas. Neles aniñaban certas aves rapaces. Contemplamos o voar dunha aguia real e dun falcón. Fomos atravesando vieiros e camiñando por singulares terras. Abandonamos a parte do canón do Sil que viñamos de percorrer, para nos adentrar na correspondente á chamada Ribeira Sacra. Revivimos na imaxinación a primitiva vida monacal que desenvolveron ermidas e cenobios.
Despois do longo percorrido por diversos panoramas, paisaxes valecos entre eminencias, alturas escarpadas, espectaculares abas cubertas de viñas e de bancais, fomos facer noite a Nogueira de Ramuín. Moi de mañá encetamos un novo andar por unha ruta de mosteiros. Achegámonos de primeiras ao máis veciño, o de San Estevo, frecuentado polos turistas. Proseguimos a marcha polos lugares que foran outrora lugares de retiro, isolamento, meditación de ermidas. Dirixímonos cara Esgos. Detémonos en San Pedro de Rocas, a singular e máis antiga construción mosteiral, fundada segundo algúns historiadores, no século VI. Sorprendeunos a súa peculiaridade de aproveitar covas naturais situadas entre penedos para formar o austero mosteiro. Entramos no seu interior, que reflectía o que se tentara.
A nosa peregrinaxe orientouse por outro rumbo. Seguímolo ata chegar ao de Santa Cristina de Ribas de Sil, en terras de Parada. Batemos cun edificio de claro estilo románico. Falárase de que nel amosábase a influencia do mestre Mateo, evidenciada na fermosa fachada decorada con suxestivos motivos florais.
Tiñamos propósito de seguir a San Vicente de Pombeiro, na comarca de Pantón, para completar a chamada ruta do románico. Pero o tempo non deu máis de si. Na nosa memoria quedaron as impresións dos días de viaxe. Das gargantas profundas e caídas case verticais. Dos poucos espazos de chaira utilizados para a erección de mosteiros e de ermidas. Dos regueiros cortando as pendentes para formar pequenos vales. Lembramos asemade as masas boscosas ao redor dos mosteiros e os soutos nas zonas umbrosas da paisaxe. Rememoramos tamén bater na andadura con plantas de bo cheiro como o ourego. Cunha gama moi variada de fentos. Os bosques de ribeira compostos por ameneiros, avelairas, plantas herbáceas…