Ximnasio Léxico, unha aplicación para xogar coa lingua galega

CULTURA

César Quian

A RAG e a Fundación Barrié lanzan unha plataforma de probas baseada no dicionario e dispoñible en iOS e Android

15 jun 2023 . Actualizado a las 12:33 h.

«As consultas que recibe o dicionario da lingua dende Londres, Bos Aires, Uruguai e México cada vez son maiores», en palabras do presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, que presentou este xoves xunto á directora da Fundación Barrié, Carmen Arias, o Ximnasio Léxico, unha aplicación de xogos baseada no dicionario da Real Academia Galega na que as dúas institucións levan traballando dous anos. «É o único xogo que usa a base de datos dun dicionario», afirmou Arias, quen puxo en valor que a esta ferramenta se basea no «carácter infinito do dicionario, un libro que nunca se deixa de ler».

O Ximnasio Léxico, dispoñible para Android e iOS, pretende axudar a fixar o léxico normativo, dándolles aos falantes máis seguridades, naturalidade e coñecemento dun xeito ameno e divertido. Consta de seis xogos. Tres deles, os chamados Bule, Rube e Une, constitúen o corazón da aplicación. Bule ofrece a definición dunha palabra e tantos recadros como letras ten para ir completándoa co teclado, Rube consiste en adiviñar a palabra agochada, da que só se ofrece o número de letras, e Une funciona emparellando a palabra da columna esquerda co seu sinónimo, disposto á dereita entre outros vocablos.

Os outros tres, as Vitaminas, emerxen cando a persoa xogadora acada un determinado número de puntos en cada nivel. Na primeira débese atopar, agochada entre outras letras, a palabra que completa o título dunha obra das letras galegas. A segunda esixe completar uns versos ou un dito popular coa voz que falta e a terceira propón acertar entre un grupo de lemas, cal é o vocablo que non pertence a un determinado grupo semántico.

Durante a presentación, Freixanes dixo que «o dicionario ten case 130.000 consultas diarias», o que quere dicir que a lingua está viva . A partir de setembro, avanzou, queren facer presentacións nos centros educativos daremos para que docentes e alumnos coñezan a aplicación. Con esta proposta, ambas institucións avanzan na súa colaboración para fornecer o público de todas as idades de recursos que contribúan á divulgación da lingua galega e a darlles máis seguridade na expresión a todos os falantes.

«A RAG continúa avanzando na estratexia de incorporar a lingua ás tecnoloxías da comunicación e faino ademais aproveitando os aspectos lúdicos e didácticos, pensando principalmente nas novas xeracións, se ben o Ximnasio Léxico é unha aplicación atractiva para persoas de todas as idades», expresou o presidente da Academia.

«Non é o primeiro proxecto que desenvolvemos nesta liña, pero si que é probablemente o máis ambicioso, e esperamos darlle continuidade contra finais deste ano nunha grande olimpíada da lingua galega», engadiu Víctor F. Freixanes, que agradeceu a sensibilidade e colaboración da Fundación Barrié para facer realidade esta ferramenta.

Pola súa banda, Carmen Arias resaltou que «o proxecto permite cumprir unha das principais vocacións da Fundación Barrié: actuar como fermento, potenciar o traballo doutras institucións, neste caso o feito arredor do dicionario da Real Academia Galega», explicou a directora. «Levabamos moitos anos facendo preguntas ao dicionario: agora pregunta el», avanzou Arias.

A Fundación Barrié colabora coa Academia dende os seus comezos en proxectos que abranguen a edición de clásicos e a dixitalización de fondos históricos, así coma o eido lexicográfico e a súa modernización.