Falarlles ás flores

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE CROCODILO

CULTURA

19 jun 2023 . Actualizado a las 12:09 h.

Que hoxe vivimos ao borde do colapso informativo é unha verdade de perogrullo. A competencia que, á hora do café matinal, os parroquianos estabelecían no bar polo exemplar de La Voz desapareceu, substituída pola interacción autista cun chintófano que, nas súas pequenas tripas dixitais, contén un universo infinito e máis alá. Para que gastar no xornal se, a toque de matapiollos, o celular ponnos en bandexa a máis cumprida actualidade? Sabía vostede que, consonte un rigoroso estudo, un occidental contemporáneo recibe nun día o equivalente aos impactos informativos que un home da Idade Media recibía ao longo de toda a súa existencia? E, claro, ao abeiro deste agresivo e indiscriminado embate, coar de matute historias espurias é cousa doada. Supoño que o adxectivo fake, substantivado xa como antonomasia de toda caste de cibermentiras dixitais, pasará á posteridade como mot-témoin dos albores do século XXI. Tan nocivo caldo de cultivo provocou a emerxencia de dous tipos de cidadáns: os tragabólas, dispostos a dar creto a todo o que lles boten, e os negacionistas profesionais, que por non creren non cren nin que Felipe VI exista, persuadidos de que é un cíborg que ten enganadas dende hai anos as infelices de Letizia e as fillas. E, no medio destes dous extremos, estamos vostede e mais eu, que, a verdade, xa non sabemos que crer. E será certo que o cambio climático é un calote ecuménico para favorecer o inmenso negocio das eólicas? Ou que tras a polémica lei de Doñana andan os intereses do xigante alemán Edeka, o primeiro importador europeo de fresas de Huelva? En fin, temo que nin ChatGPT, e mira que é listo, poida concatenar tal magnitude de causas e efectos e dar resposta a tan complexas interrogantes. Entrementres, como lin hai pouco, os cidadáns do século XXI vivimos ávidos de reconexión como forma de cura psíquica. Atopo preto de min intelixencias moito máis atractivas e auténticas que a artificial. Por exemplo, a vexetal, de cuxo cultivo derivan neoloxismos como xardinético ou hortoterapia. Reconectarme co ritmo inmutable das estacións no meu xardín, pequeno microcosmos por completo dependente de min, é, en efecto, un exercicio curador. Esqueza o celular e probe a falarlles ás flores. Pode que se sorprenda.