O debuxante di que as súas viñetas saen da observación da xente que o rodea, «como manexan os códigos de humor e como actúan»
26 jun 2023 . Actualizado a las 04:50 h.A entrega do Premio Trasalba 2023, que na súa 41.ª edición a Fundación Otero Pedrayo concedeu ao debuxante Luis Davila Malvido (Bueu, 1972), estivo chea de bo humor e sorrisos. A festa da cultura galega converteuse nun recoñecemento feliz a un humorista gráfico que, coas súas viñetas da serie O Bichero, leva 25 anos retratando o país, con alegría e retranca, con personaxes cos que identificarse e cunha linguaxe popular coa que expresa a súa visión da actualidade e da vida na tira que publica en Faro de Vigo.
Davila aínda non empezara o seu discurso de agradecemento diante do abarrotado auditorio da Casa Museo Otero Pedrayo —ateigado de intelectuais, autoridades, amigos e admiradores— cando irrompeu a charanga Vou nun Bou, o animoso grupo de entroido que o historietista comparte cos seus amigos de mocidade no seu Bueu natal. Foi unha aquelada sorpresa musical que cantou a honestidade de Davila e que arrincou, coma o homenaxeado cos seus bicheros, a ledicia do público.
Logo de recoller o premio ramonciño e o libro fotobiográfico que compoñen o galardón, un emocionado Davila agradeceu á fundación poder vivir ese momento especial da man dunha das institucións máis relevantes da cultura galega. Lembrou que desde cativo lle gustaba debuxar, aínda que non contaba facer desa paixón o seu modo de vida. «Iso, combinado cunha visión da vida de amor ás tradicións, á miña terra, á xente que me rodea, e a base de observar como manexan os códigos de humor e como actúan, váiseme quedando como un pouso ao que recorro para facer o meu traballo diario», relatou para explicar como é o seu labor.
Agradeceu tamén Davila ao humorista Carlos Blanco, quen fixo a laudatio do premiado, poder ter ido con el a teatros e rematou debuxando unha viñeta na que a Dora convida a Otero Pedrayo a botar un baile.