O galego litúrxico de Murguía

CULTURA

Manuel Murguía (Oseiro, Arteixo, 1833-A Coruña, 1923).
Manuel Murguía (Oseiro, Arteixo, 1833-A Coruña, 1923). RAG

07 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cúmprese, neste 2023, o centenario do pasamento de Manuel Murguía, nome esencial na historia da concienciación galeguista. En 2012, o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández publicou unha monografía sobre este heroico polígrafo da que haberá que partir sempre que queiramos achegarnos á personalidade de quen foi hercúleo historiador, caudaloso colaborador nos xornais, esposo de Rosalía de Castro, ensaísta, narrador, poeta, etnógrafo, arquiveiro e autor de retratos literarios tan excelsos como os do volume Los precursores (1886). Na miña opinión, ninguén escribiu en castelán, na España do XIX, na prosa crítica e erudita, con máis estro e calidez ca el, nin sequera Menéndez Pelayo (relean, en clave literaria, Los precursores).

En idioma galego escribiu uns cantos versos e dous discursos, só un publicado, o proferido en Tui, nos Xogos Florais, o 24 de xuño de 1891. Nesa data e nese acto literario, outro orador, Alfredo Brañas, tamén empregou a lingua galega. A prensa da época infórmanos de que no teatro (hoxe en reconstrución) o público (que pagou por asistir) pertencía, grosso modo, ás «boas familias» tudenses, pero non nos dá noticia do impacto que fixo nelas o feito de que un intelectual moi recoñecido, como Murguía, non empregase en público o seu idioma familiar e social. En realidade, tratábase dun acto litúrxico, non moi desemellante á alocución, no Día das Letras Galegas, dun presidente da Xunta (do PP ou do PSOE), orador a quen, no club financeiro de calquera cidade galega, sáelle, de seu, o castelán. Sáibase que o mesmo Murguía, en Tui, dous días despois, no Banquete rexionalista, utilizou o castelán, o idioma que empregaría, pasados tres lustros, en 1906, na Coruña, no discurso inaugural da Real Academia Galega.

De todo isto falei, hai días, en Tui, nun dos actos conmemorativos dos Xogos Florais de 1891, acontecemento moi significativo pero que cómpre ler, desde a sociolingüística, con xeito. Do que se trata é de precisar as liñas do retrato intelectual de Murguía, cuxa importancia e grandeza está fóra de toda dúbida desde a biografía de Barreiro Fernández.