Xa desde a súa época como escolar, aquel mozo de Lourenzá amosa interese e talento para a escritura periodística
12 jul 2023 . Actualizado a las 05:15 h.Talvez sexa esta unha ocasión acaída para revelar algúns ángulos escurecidos polo paso do tempo que conforman a singularidade do protagonista das Letras Galegas deste ano. Adóitase recorrer ao feito de que no perfil intelectual de Francisco Fernández del Riego influíu de maneira determinante, non podía ser doutro xeito, a inclinación cara á lectura que cultivou desde os seus primeiros anos en Vilanova de Lourenzá nunha casa na que os libros nunca faltaban.
Igualmente, este ferreño espírito lector seguiu presente nos seus anos de formación nos Escolapios de Monforte, onde pasaba moitas horas na biblioteca do colexio por propia vontade. É nesta época onde afina o seu estilo narrativo e consegue algún galardón literario escolar. Ao mesmo tempo, desta hora proceden dous textos que publicou, con só dezaseis anos, no xornal lucense La Voz de la Verdad (1910-1937), un Diario católico y anti-liberal, como constaba no seu subtítulo, cuxo derradeiro director foi Xosé Trapero Pardo, director tamén do semanario mindoniense Vallibria.
Nas páxinas deste xornal, o 5 de abril de 1929 e é de conxecturar que a través de man allea pola afinidade ideolóxica do xornal cos principios da comunidade relixiosa na que Del Riego estuda, ve a luz un texto subscrito por «Francisco Fernández del Riego. Alumno de Letras de Monforte» e baixo o título de La Semana Santa de Monforte —exactamente ese día tamén se publica o mesmo texto noutro xornal ourensán de semellantes identificacións doutrinais— no que é, probablemente, a primeira das súas incursións xornalísticas no seu que será un moi dilatado percorrido como colaborador na prensa.
Neste texto, constrinxido a unha temática que se revela no seu título, orientada a xeito de crónica e con inequívoco pulo xornalístico, afonda nos sucesivos cultos relixiosos vinculados co colexio durante toda a semana e sorprende polo estilo propio que xa abrazaba, insisto, con dezaseis anos de idade. Este verifícase na ordenada estrutura temporal e no acaído fío narrativo que percorre o artigo, no emprego dun léxico formalizado e, sobre todo, na capacidade descritiva que exhibe ao reparar nalgúns espazos singulares nos que se detén con brevidade. Así define a igrexa do colexio como «sintética expresión del estilo herreriano» e o claustro do centro adxectívase como «severo» e «monumental» ou apunta como a noite «serena contribuye a aumentar el respetuoso silencio» do pobo de Monforte, concluíndo cunha apelación ao reitor da comunidade docente que «con su incansable laboriosidad honra a su ciudad natal».
Trazos filogaleguistas
Uns días despois, o 16 de abril, no mesmo medio, publica unha ampla crónica dunha visita escolar que realiza no propio Monforte, con diverso profesorado, asomando trazos dun pensamento filogaleguista que anos despois estruturaría doutro xeito: «Galicia fue la admiración y la envidia del mundo. Y ved como mi amor ferviente por mi región me lleva lejos de mi objeto y mi esfera», que non era outra que relatar a impresión que lle causou a visita ao estudio do artista Amador López Espinosa e as mostras do traballo que custodiaba na súa propia casa.
Estes foron dous dos seus primeiros traballos publicados na prensa sendo extraordinariamente novo e revelan a súa extraordinaria precocidade. En xullo de 1930 o xornal lucense informa que o reitorado compostelán expediu o título de bacharel de letras ao seu nome e, en setembro dese ano, un solto dá conta de que se lle enviara ao reitor compostelán recibo de entrega deste título. Aí conclúen as referencias de Del Riego no xornal: páxinas relevantes por acolleren estas dúas primeiras mostras do que naquel momento era un estudante de inequívoco futuro prometedor, como así se confirmou pouco despois.