O prazo para presentarse aos Relatos dos Lectores remata este luns

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Lola Vázquez, gañadora do concurso do 2022, no momento de recibir o seu premio de mans do delegado de La Voz en A Coruña, Alfonso Andrade.
Lola Vázquez, gañadora do concurso do 2022, no momento de recibir o seu premio de mans do delegado de La Voz en A Coruña, Alfonso Andrade. Eduardo Pérez

Os textos seleccionados publicaranse a partir de mañá no xornal

31 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe é o derradeiro día para enviar textos ao certame os Relatos dos Lectores, que cada verán convoca La Voz de Galicia. Quen desexen participar no concurso e ver o seu texto publicado nas páxinas literarias do xornal durante o mes de agosto teñen a xornada de hoxe para remitir as súas propostas.

Ademais da publicación do relato, o certame inclúe un premio para cada categoría, a de maiores de 16 anos e a específica para quen non teña esa idade aínda cumprida. Para os que non fixeran os 16, o premio será un lector de libros electrónicos, mentres que para os que xa teñan esa idade ou a superen, o galardón será un bono para unha estancia dunha noite para dúas persoas nun establecemento OCA Hotels de Galicia ou Asturias, en habitación dobre en réxime de aloxamento e almorzo.

Nos Relatos dos Lectores poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con relatos escritos en galego ou castelán, pero coa condición de que sexan inéditos. Os participantes tamén deberán seguir unha serie de condicións: os textos non deberán superar as 25 liñas mecanografadas en corpo 11, o equivalente a 2.100 caracteres con espazos incluídos. Os orixinais deberán enviarse cos datos completos do autor: nome e apelidos, idade, DNI, enderezo, teléfono e, a ser posible, unha breve biografía e unha foto tamaño carné. Os menores de 14 anos deberán achegar unha autorización dos pais ou titores legais, que á súa vez deberán achegar os seus datos.

O correo electrónico para enviar os textos é relatos@lavoz.es. De optar por envialos por correo postal, o enderezo é o seguinte: 24.ª edición dos Relatos de Verán de La Voz de Galicia (Relatos dos Lectores). Avenida da Prensa, 84-85. Polígono Industrial de Sabón. 15143 Arteixo. A Coruña.

Un xurado escollerá de entre os textos recibidos os que se publicarán ao longo do mes de agosto no xornal, tanto na súa edición impresa como na web. Para que se poidan elixir os gañadores, o xornal publicará un cupón que permitirá aos lectores votar polos seus relatos favoritos. Deberán envialos ao xornal (non se admitirán fotocopias). Con eses votos decidiranse os gañadores de cada categoría e os seus nomes daranse a coñecer unha vez rematado o certame. As bases completas poden consultarse na edición dixital de La Voz, en www.lavozdegalicia.es/cultura/.