
No ano 2015, con Luar Na Lubre, publicamos un traballo discográfico chamado Extramundi; nel ía incluído un tema que se titulaba Ardora. Era unha canción instrumental que tocamos durante un tempo en moitos lugares de Galicia, España e do mundo. A canción estaba inspirada no fenómeno luminoso bioluminiscente que cada ano se produce nalgúns puntos concretos da nosa costa. Naqueles concertos onde a presentábamos eu procuraba explicar ao meu xeito e dun modo máis ou menos didáctico o porqué desta luminescencia mariña nocturna.
O mar de ardora prodúcese debido á gran concentración duns microorganismos chamados Noctiluca Scintillans relacionados co plancto. Este fenómeno dáse en varias zonas do planeta entre as que está Galicia onde se pode ver entre os meses de xuño e setembro. Este fenómeno natural sempre estivo aínda que os científicos non comezaran a rexistralo en diferentes mares do mundo ata o ano 1915. O que noutros tempos era observado con temor polos navegantes hoxe é admirado por moitos curiosos que queren ver como sorprendentemente o mar se ilumina a semellanza dunha aurora boreal. O propio Xulio Verne fala del na súa novela Vinte mil leguas baixo dos mares detallando un momento no que o Nautilus do capitán Nemo atravesa un mar fosforescente que atribuían a unha infinidade de pequenos animais mariños luminosos. Eu vin por primeira vez esta biofosforescencia na auga das illas Cies no ano 1982 sen saber moi ben de que se trataba. Foi durante un baño nocturno no que quedamos abraiados ao comprobar que ao nadar, en cada movemento, íamos acompañados dunha estela luminosa. Despois da experiencia e esa mesma noite estivemos un bo tempo tirando pedras á auga para seguir pasmados con aquela luminaria máxica sen esquecer que por alí tamén estivo o Nautilus.
Neste tempo de verán dos últimos anos non fago mais que ler e ver novas referidas á ardentía ou ao Mar de Ardora. Tamén sobre a gran cantidade de xente que vai ver nas noites esta marabilla da nosa natureza aos distintos areais. E iso está moi ben mentres o sentido común e o respecto pola contorna sexa o que predomine.