Lourenzá acolle tres xornadas sobre a pegada de Del Riego na cultura galega do século XX
CULTURA
Preto de vinte especialistas de distintas institucións analizarán a biografía e a obra do homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023
03 sep 2023 . Actualizado a las 22:15 h.Lourenzá acolle a partir deste luns 4 de setembro -e ata o mércores- o encontro Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX. Preto de vinte especialistas de distintas institucións analizarán a biografía e a obra do homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023 como activista, intelectual, estudoso e escritor nos sucesivos contextos históricos que percorreu na súa case centenaria vida.
A Real Academia Galega, a Universidade de Santiago e o Concello de Lourenzá colaboran na organización da cita, que forma parte da oferta de cursos de verán da USC. As xornadas contan co apoio económico da Deputación de Lugo, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Xunta. A Academia publicará os traballos presentados neste marco no seu boletín.
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o reitor da USC, Antonio López; a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; o responsable de recursos sostibles da Deputación de Lugo, Francisco Cajoto Caserío; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inauguran o encontro ás 17 horas no auditorio da Casa do Concello.
Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010) implicouse dende moi novo no movemento galeguista dende unha perspectiva progresista e aberta a Europa e o mundo. Foi, primeiro, un destacado líder estudantil na Compostela universitaria da Segunda República e membro activo do Partido Galeguista, e tras a guerra, actor fundamental da resistencia cultural durante o franquismo, fundador da editorial Galaxia, promotor de numerosas iniciativas a prol da lingua e da cultura galegas. En todos estes perfís profundarase no curso, que será inaugurado por Freixanes, que abrirá o foro cunha conferencia sobre o papel de Del Riego na RAG.