
O profesor e biógrafo Ramón Nicolás dá noticia dunha autoficción de don Paco estruturada en función da súa relación coa súa esposa
06 sep 2023 . Actualizado a las 22:33 h.O curso de verán Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX —que promove a RAG e que rematou onte en Lourenzá— deixou novidades sobre o Del Riego memorialista e ficcionador. O profesor e académico correspondente Ramón Nicolás, autor dunha das biografías sobre don Paco saídas do prelo co gallo do Día das Letras, mergullouse na súa ponencia na chamada escrita do eu de Del Riego, gran cultivador das letras memorialistas. E fíxoo a través de obras publicadas como O río do tempo (1990) e Camiño andado (2003), e mais o Diario da guerra —publicado postumamente este mesmo ano— e doutras inéditas. Neste último grupo, o escritor detense nunha serie de notas autobiográficas do autor conservadas; na novela Anguria nas brétemas, presentada sen fortuna ao premio literario do Centro Galego de Buenos Aires; e noutra obra narrativa, carente de título e custodiada tamén no arquivo do autor, que constitúe unha autoficción estruturada en función da súa relación coa súa dona, Evelina Hervella. A moza valdeorresa licenciada en Farmacia coa que casou en 1940 sería a súa compañeira de vida ata a morte dela no 2007.
«Ao meu ver, é un texto interesante que completa os escritos memorialistas do autor porque, alén de ofrecer datos novos que completan a súa biografía persoal, focaliza boa parte desas experiencia na figura de Evelina. Sempre nun segundo plano, aquí cobra realce como a compañeira que foi de Del Riego e que, probablemente, o salvou dunha condena aínda maior que a que supuxo a guerra a través da compaña e o amor», enxalza Nicolás.
Como na súa única novela publicada, O cego de Purmadedón, Del Riego abraza neste orixinal, de 13 capítulos desenvolvidos en 51 páxinas, a chamada literatura do eu. «Aquí fala, de novo, outro álter ego, de nome Nucho, hipocorístico de Marcelino Solovio nunha, outra vez, inequívoca homenaxe ao personaxe de Adrián Solovio da novela oteriana Arredor de si. O círculo temporal vai de 1913, data do seu nacemento, ata 1941-42, cando se instala en Vigo coa súa dona Evelina Hervella, e o relato constitúe un sorprendente periplo sentimental, tal como el mesmo nomea, noutras palabras de recendo lírico que sentencia na dedicatoria: unha ‘paisaxe arrincada á alma polos bicos amorosos da ilusión’. Dedicatoria, por certo, na que inclúe o comezo da súa redacción: ‘Nos finais de 1938, segundo da guerra’», detalla Ramón Nicolás.
Percorrer este inédito, valora, fai posible «un recoñecemento minucioso dos primeiros tempos da relación de Francisco e Evelina, convertida aquí en Eve Sorrosal; e, ao tempo, acceder a interesantes reflexións ou autorreflexións que o autor non empregará posteriormente noutras obras».