Rememoran o día 12 a andaina entre Santiago e Ortoño (Ames) que deu orixe ao Seminario de Estudos Galegos

CULTURA

Ademais do percorrido, a actividade incluirá a lectura dun manifesto e unha romaría con comida e música
20 sep 2023 . Actualizado a las 17:18 h.O 12 de outubro de 1923 Fermín Bouza-Brey, Xosé F. Filgueira Valverde, Xosé Pena, Wenceslao Requejo, Lois Tobío e Alberto Vidán camiñaron desde Santiago ata o castro de Ortoño (Ames), lugar ligado á infancia de Rosalía de Castro. Foi a andaina fundacional do Seminario de Estudos Galegos. A eles uníronselle Xulián Magariños, Ramón Martínez e Francisco Romero para asinar a constitución formal da entidade para investigar a cultura galega, baixo a presidencia de Armando Cotarelo. Agora, coincidindo co centenario, esa andaina será rememorada cun acto festivo aberto á toda a cidadanía.
A iniciativa, que se desenvolverá o propio día 12, comezará cunha andaina que partirá ás 9.00 horas da Alameda compostelá para percorrer os trece quilómetros que o separan do castro de Ortoño. Unha camiñada que continuará coa lectura dun manifesto e unha ofrenda floral, para proseguir cunha romaría que incluirá xantar e música. «Queremos lembrar a viaxe deses mozos e convocar á cidadanía para que participe na festa», asegurou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, incidindo na «longa pegada» do Seminario de Estudos Galegos. Para participar na andaina e na festa posterior, segundo precisou Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo, é necesario inscribirse por cuestións organizativas. Para o regreso a Santiago haberá transporte público.
Na organización deste acto participan, ademais do Consello da Cultura e o Museo do Pobo, a Real Academia Galega, a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago e os concellos de Santiago e Ames. Todos animaron onte a sumarse á iniciativa. «Concíbese como unha festa. Somos fillos daquela xente que con entusiasmo puxeron as bases do que hoxe somos. Foron capaces de construír un discurso para o país», salientou Víctor Freixanes, presidente da Real Academia. Pola súa banda, a vicerreitora de Cultura da Universidade, Pilar Murias, salientou que celebrar o centenario do Seminario de Estudos Galegos «é saber de nós». O alcalde de Ames, Blas García, engadiu que este acto de lembranza do día 12 «é necesario polo que significou de avance e modernidade» hai cen anos á creación do seminario. Un feito no que tamén fixo fincapé o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García: «Está é unha efeméride dun día que marcou a creación da primeira estrctura cultural da que dotou o país, con persoas de diferentes áreas de coñecemento». Tamén de «xusto e necesario» cualificou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a conmemoración da andaina. Anunciou que desde o Concello tamén porán en marcha iniciativas sobre o Semianrio de Estudos Galegos, coa elaboración dun caderno específico, a creación dunha unidade didáctica e roteiros pola cidade.
Un congreso sobre o Seminario de Estudos Galegos
Nas dúas xornadas anteriores, o 10 e o 11 de outubro, no Consello da Cultura celebrase o congreso Saber de nós: cen anos do Seminario de Estudos Galegos, que abordará a importancia histórica da institución. Na primeira sesión o catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC Justo Beramendi situará o proxecto do Seminario no seu contexto histórico. Segurialle unha mesa redonda coa participación de Uxío Breogán, Alfonso Mato e PIlar García Negro. A segunda sesión centrarase na proxia traxectoria do SEG e na súa relación coa sociedade a través dos relatos de Ramón Villares, Aurora Marco, María Xesús Fortes e Antón Costa. As dúas seguintes sesións concentraranse nas áreas de actividades nas que o Seminario conseguiu resultados máis tanxibles. Participarán Xerardo Pereiro e Henrique Monteagudo. O congreso rematará cunha mesa redonda sobre o legado do SEG no que participarán Miguel Anxo Seixas Seoane, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, María Xosé Fernández Cerviño e Uxío Labarta.