Castelao e Oliveira Salazar

CULTURA

Retratos dun Castelao mozo e do director teatral Ricard Salvat.
Retratos dun Castelao mozo e do director teatral Ricard Salvat.

12 oct 2023 . Actualizado a las 13:43 h.

Tamén Castelao, o noso escritor, foi vítima da ditadura portuguesa, tan próxima á de Franco. O caso aconteceu en Coimbra en maio de 1969, mes no que o director de teatro Ricard Salvat (1935-2009) se propuña estrear o espectáculo Castelao e a súa época, por el elaborado e dirixido e no que participaron moitos alumnos daquela universidade. O prestixioso director catalán —el introduciu os criterios de Bertolt Brecht na escena hispánica— fora contratado, para impartir un curso de artes escénicas e montar algunha representación, polo CITAC (Círculo de Iniciação Teatral da Academia de Coimbra). Aquí residiu Salvat seis meses na compaña de Núria Galobardes, a súa muller, e de Neus, a filla de dous anos.

Os tempos en Portugal, coa guerra colonial de fondo, non eran moi axeitados para que Talía e as artes da palabra voasen cun pouco de liberdade. Estaba en folga a universidade e a obra de Salvat ameazada polo lapis vermello da censura portuguesa, un lapis quizais non alleo a conversas cos censores do Ministerio de Información español, daquela aínda dirixido por Fraga Iribarne. Salvat e os alumnos máis comprometidos (João Duarte Rodrigues, Clara Paiva Boleo...) viaxaron a Lisboa para solicitar, in extremis, o permiso para a estrea. Non houbo tal.

Aínda así, o día anterior, eu pronunciei unha conferencia na universidade coninbrixense sobre a vida e a obra de Castelao, dalgún xeito conveniente para os que pensaban asistir á estrea de Castelao e a súa época, en xeral alleos, daquela, ao currículum do protagonista da obra. Era o 17 de maio de 1969. Ao día seguinte, xa Salvat en Coimbra, a PIDE [policía secreta de Salazar] entrou no seu apartamento ás sete da mañá e trasladouno á brava, coa súa muller e a súa cativiña, á fronteira española.

Salvat dirixiu a magna representación do Hamlet de Cunqueiro (Santiago, 1991), colaborou nun filme de Margarita Ledo sobre Enrique Líster e relacionouse a fondo con dous grandes pintores galegos, Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, autores, por certo, da escenografía da obra prohibida.

Mañá, en Coimbra, tributaremos, 54 anos despois, unha homenaxe a Díaz Pardo, Seoane e Ricard Salvat.