O gran pintor Pablo Picasso finou o 8 de abril de 1973 en Mougins (Francia). Estamos inmersos na conmemoración do 50.º aniversario da súa morte, que figura como Celebración Picasso 1973-2023, con máis de cincuenta exposicións e eventos en institucións culturais de Europa e América do Norte.
O Museo Casa Natal de Picasso en Málaga amosou un percorrido cronolóxico polas diferentes etapas do pintor, algo que tería sido bo que atopase continuidade en A Coruña, onde Picasso viviu entre os 9 e os 13 anos e onde deixou mostras claras do seu prometedor xenio creativo. O Museo de Belas Artes coruñés acolleu na primeira metade do ano a gran mostra Picasso branco no recordo azul —que proseguía co labor desenvolvido no 2015 naquela mostra O primeiro Picasso. A Coruña 1891-1895—. Mais é imprescindible seguir insistindo na mensaxe, traballando por recuperar o vencello do pintor con Galicia. Algo que Picasso sentiu toda a súa vida e que lle explicou en sucesivas conversas ao xornalista galego Antonio D. Olano, que o visitou en varias ocasións. En todas elas, Picasso demostroulle ter unha memoria clara da súa vivencia coruñesa.
Despois da exposición no museo de Málaga, o Guggenheim de Bilbao inauguraba esta semana a mostra Picasso escultor. Materia y cuerpo, que pretende revalorizar a habilidade do pintor para mudar obxectos e materiais nunha expresión artística. Porque para Picasso a escultura non era unha disciplina secundaria, senón que estaba á altura do debuxo, a pintura, o gravado ou a cerámica. Pensamento que quedou ben á vista no conxunto da súa produción.
En Barcelona presentarase este mes a exposición Miró-Picasso, no Museo Picasso e na Fundació Joan Miró, na que é a primeira mostra conxunta dos dous artistas vencellados por unha grande amizade e tamén pola súa estreita conexión coa capital catalá.
Finalmente, en Madrid, no Reina Sofía, ilustrarannos a mediados de novembro sobre a «gran transformación» que Picasso experimentou con só 25 anos, un salto que o iría levando ao cumio da pintura mundial. É unha historia que paga a pena contar ben. Porque Picasso só houbo un.