Jaione Camborda, gañadora do Festival de San Sebastián: «Encántame estar creando desde Galicia. Amo esta terra»

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Estrea en Curtocircuíto. Camborda, en San Sebastián, o día en que se proxectou «O corno». O filme estréase este martes en Galicia na apertura do festival Curtocircuíto e chega ás salas comerciais o 11 de outubro.
Estrea en Curtocircuíto. Camborda, en San Sebastián, o día en que se proxectou «O corno». O filme estréase este martes en Galicia na apertura do festival Curtocircuíto e chega ás salas comerciais o 11 de outubro. Javier Etxezarreta | Efe

«Ás mulleres non se nos permitía facer cine ata hai moi pouco, estabamos vetadas, imposibilitadas para traballar», lamenta a directora da película «O corno», galardonada coa Concha de Oro, para explicar a razón de que agora esté abrollando unha xeración de cineastas femininas

02 oct 2023 . Actualizado a las 20:23 h.

É a cineasta do momento. Jaione Camborda vén de gañar este sábado a Concha de Oro no Festival de Cine de San Sebastián coa súa segunda longametraxe, O corno, que se estrea mañá en Galicia na inauguración de Curtocircuíto e chegará ás salas comerciais o 11 de outubro. «Leda pero cansa», recoñece que ten pendente «entender e crer» este triunfo. Pero xa sente a responsabilidade que lle confire un recoñecemento que a sinala como referente para outros: «Toda a arte ten un altofalante, canto máis amplo é máis responsabilidade tes. E non me refiro a ser politicamente correcta senón á responsabilidade do que das, de que estás entregando ao espectador».

—A distinción vén de mans dun xurado que acollía mestres como Claire Denis e Christian Petzold...

—Impactante. Foi unha honra recoller o premio de mans de Denis, unha referente para min. É abrumador. Era xa un obxectivo cumprido estar na sección oficial do festival, acadar maior visibilidade para chegar coa cinta a máis salas. E logo estaba ver como se lía o filme pola crítica e o espectador. Foi moi grato ver que a crítica entendía as nosas intencións, e levounos a deixar voar a imaxinación con que ao mellor achabamos un oco no palmarés. Nunca pensamos na Concha de Oro.

—Filla de peruano e catalá, nacida e criada no País Vasco, asentada en Santiago e rodando en galego...

—Tal cruzamento non supón para min unha crise de identidade, quizais sendo adolescente si me parecía un quebracabezas, pero ao medrar comprendín que esa diversidade é unha riqueza. Encántame estar creando desde Galicia. Amo esta terra, e é onde estou vivindo, aínda que non deixe de ser vasca. Vin a Galicia por amor, e namoreime de Galicia. Levaba anos no estranxeiro, de país en país, formándome, e tiña necesidade de regresar, botar raíces. Cando cheguei a Galicia sentinme na casa. Euskadi e Galicia son terras irmás. Tiven a sorte ademais de que cando cheguei había unha pequena ebulición de xente interesada en facer un cine comprometido, desde o agarimo, a honestidade, outras formas de mirar. Era incipiente, latente. Comezamos pouco a pouco a encontrarnos a través de diferentes festivais, a ver que estaba ocorrendo algo aí, que logo estourou con esa nomenclatura de Novo Cinema Galego. Foi un momento bonito de achar familia de creadores.

—Vese representada baixo a etiqueta Novo Cinema Galego?

—Esas etiquetas deben poñerse desde fóra, a crítica, os historiadores, os xornalistas. Non me sinto cómoda delimitando, dicindo que é unha cousa e que non é. Pero algo une a moitos que estamos facendo cinema en Galicia e noutras latitudes, un compromiso co cine. Fóra diso, e por sorte, as miradas son moi variadas.

—Pero hai unha escola ou non?

—Hai cousas nas que confluímos como que todos temos moi en conta a paisaxe, pero que diferentes paisaxes amosamos, e de que diferente maneira. Ningún cineasta en Galicia se achega do mesmo xeito. En xeral, sinto que nos une ese amor polo cine, un afán de colaboración, de facer familia, de apostar pola creación, de aledarnos polo outro. Para min, máis que unha escola, é unha comunidade de creadores.

—E logo está ser muller. Ángeles Huerta, Paula Cons, Diana Toucedo, Olga Osorio, Carla Simón, Alauda Ruiz, Estibaliz Urresola... Hai una visión feminina novidosa e afouta que emerxe no cine?

—Está xurdindo unha xeración de novas cineastas españolas moi potentes. Chega tarde, pero só porque ata agora non se nos deixaba facer cine. Estabamos vetadas, imposibilitadas para traballar. E tamén hai unha mirada. Eu, por exemplo, en O corno, teño unha escena dun parto, pedra angular da película, na que me axudou moito, para escribila, ter vivido a experiencia do parto. Tamén a enfocala e dirixila. O parto tiña sido representado dun modo moi distante na súa realidade, psicoloxizado, lonxe do corpo. E ten que ver con que non se estaba creando en primeira persoa, foi contado por unha historia do cine que era masculina. Hai unha mirada feminina que vén enriquecer, e hai sede de ver a vida a través dos ollos dunha muller, porque non a puidemos desfrutar antes.

—É entón só a oportunidade histórica de que isto por fin suceda.

—Si. Tamén creo que un home pode perfectamente contar historias con personaxes femininas e que resulten moi interesantes e importantes para o cinema e o espectador. Pero si que hai unha mirada nova e necesaria que está a enriquecer e que ten relación con que parta da muller. Desde a muller, e desde todos os xéneros.

«A película está desenvolvida desde un lugar existencial»

O cinema de Jaione Camborda (San Sebastián, 1983) semella sustentado pola solidez do guión.

—O guión acompaña e se transforma durante moito tempo. Semanas antes da rodaxe está aínda aberto a cambios. É un lugar de crecemento. Comezas dunha forma máis esquelética e vas como dándolle alma, matizando e pulindo, ata estar no pequeniño, nos detalles. Confío moito no guión. Adoito darme un primeiro proceso máis libre, menos controlado na faceta narrativa, para deixar fluír cuestións intuitivas, o cinematográfico, o ambiguo. Despois traballo de xeito máis estrutural.

—Ese cine máis honesto do que fala pasa por historias propias?

—Ata agora así foi. Posiblemente a próxima película pase por esas coordenadas. Non estou pechada a que apareza un libro que me inspire pero sempre desde a liberdade total de transformación á hora de poñelo nun guión.

—Desde a súa longa «Arima» ata «O corno» hai un xiro importante.

—O xermolo de Arima parte de cando eu andaba na vintena, cunha idea de indagar na psique, no espectral. Cando rematei, xurde unha necesidade nova, da incerteza como muller sobre a capacidade de concibir, de dar vida, sedúceme explorar máis desde o físico, o mamífero, o animal.

—E a compoñente da memoria...

—Funme ao tradofranquismo, cun medio rural no que aínda había partos no fogar. Interesábame esa muller en contacto coa terra, nun momento histórico en que pesaban as prohibicións e o control sobre o corpo da muller e as súas decisións. E xerar de paso un diálogo dese tempo co día de hoxe.

—A loita continúa para a muller?

—Hai voces que gañan espazo político que son unha ameaza para a muller. O corno ten unha posición política, como toda creación, pero o filme está desenvolvido desde un lugar moi existencial, moi humano. Hai personaxes espello que buscan eliminar a distancia entre mulleres para que, nesa empatía, abrolle a sororidade.

—A súa produtora xorde na necesidade de controlar o produto?

—Sempre fun un pouco control freak. A produtora nace dunha necesidade de control, porque entendín desde o inicio que se non autoproduzo a película, non a farei nunca. Decido armarme de valor, porque foi un periplo moi difícil sacar adiante a primeira película. Polo camiño tamén me din de conta de que todo o potencial creativo que ten a produtora de cara a mellorar a túa película. No sentido, de que se toman moitas decisións estratéxicas que acaban dando forma ao proxecto. E gústame acompañar o proxecto de forma holística. Todo ten que ver con todo e por moito que o departamenticemos, esa filosofía holística fai que acompañe o proxecto desde a súa orixe ata o final. Ademais, o desfruto. O que non sei é que deriva tomarei tras este premio.

—Explique un pouco a súa aposta por Janet Novás, unha bailarina, para o papel principal de «O corno»?

—Si, é o seu debut como actriz de cine. Janet foi moi valente. A posibilidade de traballar na película causoulle moita inquedanza, porque ela vén da danza contemporánea, campo onde ten un traballo moi sólido. Cando empecei a pensar esta personaxe, xa apareceu ela na miña mente. Abrín o cásting e convidei a actrices profesionais, xente non entrenada no actoral e bailarinas. Intuía que no mundo da danza podía atopar esa parte física que precisaba para esta personaxe. Se algo caracteriza a Janet é a presenza, o compromiso, a honestidade co seu labor, como esa faceta de habitar o corpo, de sentir a través do corpo. Ela podía aportar esa parte física á construción da personaxe. E ademais estaba iso de que é do Porriño, de Cans, dunha aldea, e a súa familia traballa o campo. Digamos que se integraba moi ben nesta memoria das mulleres, coñecía ben ese relato. E no cásting vin que tiña un potencial tremendo no manexo do emocional. Pero é certo que era unha aposta, a rodaxe é moi dura, e ter unha cámara enriba de ti todo o rato é moi esixente. Porén, era un risco necesario. E estou moi contenta coa decisión tomada.