Un carballo para Del Riego

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

Del Riego e Luís Seoane, en Bos Aires en 1954.
Del Riego e Luís Seoane, en Bos Aires en 1954.

07 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante tres días, do 4 ao 6 de setembro, celebráronse unhas xornadas literarias co título Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX coa intervención de vinte especialistas. Organizadas pola Real Academia Galega e a Universidade de Santiago e dirixidas polo profesor Henrique Monteagudo, tiveron lugar en Vilanova de Lourenzá, patria do polígrafo homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas. Nestas xornadas eu disertei sobre o epistolario Fernández del Riego / Luís Seoane, centenares de cartas cheas de información moi valiosa para trazarmos a intrahistoria de moitos aconteceres da cultura galega desde ópticas que se complementaban: a de quen escribía desde o exilio exterior (Buenos Aires, Seoane) e a de quen o facía desde o exilio interior (Vigo, Del Riego).

En Arroxo, aldea próxima a Lourenzá, reside, desde hai uns anos, Rosa Espiñeira, vella admiradora de Luís Seoane, artista a quen ten tributado, alén de varias homenaxes, algúns estudos. Levada do seu activismo cultural creou unha biblioteca que denominou «Marabillas», instalada nun local, que fora escola, propiedade do Concello de Lóuzara. Alí expoñen e falan artistas e alí escritores e outros creadores teñen un espazo para expoñeren os seus traballos e debateren sobre eles. Eu mesmo, o día 4, tiven a honra de manter un coloquio cunhas trinta persoas daquel ámbito rural. Días despois, presentou un libro a escritora Teresa Moure.

Hai máis. Colabora coa insólita biblioteca Xosé Luís Fernández Rivera, veterinario da zona, de cheo na causa ecoloxista, e foi el quen me comprometeu para plantar un carballo nun monte comunal moi próximo, carballo que eu lle dediquei a Francisco Fernández del Riego, e así se fará constar cando o carballiño medre. Quen primeiro plantou un carballo neste lugar, o ano pasado, foi Francisco Martínez Quico, o famoso guerrilleiro berciano que nos anos primeiros da Posguerra transitou, valentemente, por carballeiras e soutos do Bierzo e de Galicia co fusil republicano ao lombo. Mentres, Fernández del Riego afiaba a espada da súa pluma en Vigo, ambos os dous na mesma loita.