O 20 de setembro, a cultura galega —a Cultura— protagonizou no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, un acontecemento maiúsculo, dito sexa sen outros adxectivos. Asistimos a un concerto de Amancio Prada que ninguén, do repleto auditorio, vai esquecer en moito tempo: foi a estrea mundial dos Seis poemas galegos de García Lorca, no son e na voz de Amancio, acompañado, nos seis textos de Federico, pola Real Filharmonía de Galicia, que dirixiu David Fiuza, autor da orquestración, e no segundo poema, Romaxe de nosa Señora da Barca, tamén polo coro Cantigas e Agarimos. Supoño que aínda resoan en Santiago, á beira do Sarela, as notas do refrán lorquiano: «¡Ai ruada, ruada, ruada / da Virxen pequena / e a súa barca!» O público, posto en pé, demandou a repetición. Os versos de García Lorca protagonizaron a segunda parte do concerto, pois Amancio, na primeira, ofreceunos unha escolma de cancións súas, algunhas xa recolleitas no seu primeiro disco, Vida e morte, do que se conmemoraba o cincuentenario.
Neste medio século, Amancio Prada (o compositor, o cantautor, o colosal xograr) levou aos escenarios de moitos países de Europa e América a voz de poetas excelsos de España: Rosalía de Castro, San Juan de la Cruz, Jorge Manrique, Agustín García Calvo, Álvaro Cunqueiro, Mendiño, Afonso X... O caso de Rosalía debería ser explicado nun curso de Literatura da recepción pois a poesía rosaliana é coñecida e amada, en non pequena parte, dentro e fóra de Galicia, polos concertos e os discos deste xograr das mellores causas poéticas, nado no Bierzo onde se fala un dos subdialectos do idioma galego. Centos de emigrantes nosos, case iletrados, chegaron a Rosalía da man pedagóxica de Amancio Prada! Pois ben, cando o concerto do día 20 teña proxección extragalega, moita xente, sen excluír a de certa cultura, coñecerá e valorará os poemas galegos de Federico escritos nos anos da Segunda República.
Porque Amancio levará a moitos oíntes foráneos non só a noticia de que Lorca poetizou en galego senón a impresión de que eses seis textos alóglotas non son inferiores a outros poemarios seus.