«O corno», de Jaione Camborda, acada máis de vinte mil espectadores trala súa primeira fin de semana nos cines
CULTURA

Trátase do filme en galego con mellor arranque comercial da historia, di a produtora, que lembra que é a Cuncha de Ouro española máis vista na súa primeira fin de semana desde «Los lunes al sol»
16 oct 2023 . Actualizado a las 16:46 h.O corno, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, levou aos cines máis de vinte mil espectadores nos seus primeiros cinco días nas salas, que coincidiron coa ponte do 12 de outubro. Consegue así ser a película en galego máis vista na súa primeira fin de semana da historia, superando os títulos recentes do noso cinema. Trátase tamén da película española gañadora da Cuncha de Ouro con mellor arranque comercial desde Os luns ao sol, de Fernando León de Aranoa, rodada en Vigo e estreada no 2002.
Despois de xirar durante esta semana por localidades galegas como A Coruña, Santiago, Vilanova de Arousa, Vigo, Ferrol ou Lugo, o equipo de O corno continúa esta semana facendo presentacións e coloquios en cines de Madrid e Barcelona.
O filme estreouse o mércores 11 de outubro nun total de 82 salas en todo o territorio español -24 delas en Galicia-, o que supón a maior estrea en salas dun filme en versión orixinal galega da historia.
Película triunfadora no 71.º Festival Internacional de Cine de San Sebastián, onde Camborda xa fixo historia ao ser a primeira directora muller española que acada co seu filme a Cuncha de Ouro, e por primeira vez cun filme en galego.
A película, un drama rural ambientado na Galicia dos anos 70, está protagonizada pola bailarina Janet Novás (Premio El Ojo Crítico de Danza 2021 de RNE), no que é o seu debut no cinema, e conta no seu reparto con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes, Julia Gómez e Diego Anido, entre outros.
O CORNO está rodada en galego e en portugués en varias localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Minho (Portugal) e narra a historia de María, unha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, vese ve obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas.