Un verso sobre Palestina

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

Nenos palestinos na Fundación Araguaney no ano 2002.
Nenos palestinos na Fundación Araguaney no ano 2002. SANDRA ALONSO

21 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

É imposible non indignarse vendo as escenas protagonizadas polos milicianos de Hamás, en territorio israelí, o sábado día 7. Pero, ante tal infamia moral, temos a obriga de irmos á procura dunha explicación, non dunha xustificación. Porque as atrocidades tamén teñen unha explicación. Sábeno ben os palestinos, sexan ou non de Gaza, que, desde hai décadas, asisten, impotentes, á invasión das súas terras por parte dos israelitas. A impotencia de Palestina non é só ante a esmagante superioridade militar do invasor senón ante a pasividade dos organismos internacionais encargados de velar pola paz. Por que a ONU non intervén decididamente desde o día 14, a primeira xornada dun xenocidio, o de Gaza, de incalculables e dantescas consecuencias para o mundo? Sabido é que a ONU, hai tempo, formulou unha resolución que establecía, naquelas castigadas terras, a presenza de dous Estados soberanos, Israel, preexistente desde 1948, e Palestina, resolución violada polos gobernantes, militares e colonos israelitas.

Tamén se sabe que a ONU está constituída por unha babel de Estados, algúns tan poderosos como os Estados Unidos, que, cando lles convén, condicionan, pro domo sua, debates e resolucións. Só a ONU, neste mesmo momento (escribo o 15 de outubro á noite), pode impedir o que pode ser unha catástrofe mundial. Os dirixentes serán, tamén, os responsables.

En certo modo, conforta saber que en Santiago se publicou no 2003 un volume de 56 escritores co título Ofrenda dos poetas galegos a Palestina. Nun dos poemas, Luís González Tosar estampou este verso maxistral (por definitorio): «ese teu brazo acantazando a historia». Escribía o poeta diante dunha fotografía que, daquela, dera a volta ao mundo: un rapazolo palestino lanzando unha minúscula pedra a un poderoso tanque israelí. Dalgún xeito, un fillo meu, Emilio, colaborou na organización dese poemario colectivo, editado en Santiago, na Fundación Araguaney, na que traballaba. No 2002 viaxou a terras palestinas e, froito desa visita, foi o seu libro Diario dunha viaxe a Palestina (2003). De estar hoxe entre nós, morrería de rabia e de pena.