Encrucillada

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Bieito Romero, á dereita, cos compoñentes de Luar na Lubre.
Bieito Romero, á dereita, cos compoñentes de Luar na Lubre.

24 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste ano 2023 con Luar Na Lubre editamos o noso vixésimo traballo discográfico. Un logro importante no mundo da música e algo excepcional na música feita en Galicia e en galego. Dos 37 anos que leva o grupo en activo conseguimos editar aproximadamente un traballo discográfico cada 2 anos. O caso é que os comezos foron en vinilo e casete, despois cedé e agora imos cara outra realidade que xa non contempla o formato físico. A tendencia actual na música é a de que todo iso vaia desaparecendo, malia o suposto rexurdir dalgún formato como o dos vinilos que penso é máis unha cuestión romántica puntual que unha realidade de ventas. Así, a este último traballo que editamos en formato libro/cedé decidimos titulalo XX?Encrucillada. Unha por ser o vixésimo e outra porque para nós representa unha auténtica encrucillada que abarca todos os seus significados e simbolismos. Ao ser o número vinte quixemos concibilo como unha celebración do camiño percorrido xa que logo acordamos incorporar un libro que resumira parte da nosa traxectoria e das nosas vivencias. Nese libro participan persoeiros do mundo da cultura, da comunicación ou amizades que dalgún xeito se teñen cruzado con nós nalgún momento da vida. Na parte musical colaboran tamén voces e instrumentistas que formaron parte do grupo nalgunha etapa así como outras e outros artistas que son parte emotiva e emocional da nosa traxectoria como grupo. Todo isto en conxunto conforma unha das grandes encrucilladas, esa na que os camiños se encontran e interactúan. Por outra banda, outro dos significados desta palabra remítenos á toma de decisións para mudar determinados aspectos xa que os tempos van a tal velocidade que a miúdo corren moito máis que nós. E aí é onde decidimos que a partir deste vixésimo traballo virán novos formatos que son os que se impoñen. Por moi triste que poida parecer a todos os que vivimos este proceso, hai que poñerse en situación e adaptarse aos tempos co menor trauma posible. E non quixemos esquecer o significado das encrucilladas na nosa cultura, onde se situaban os dolmens, as pías sagradas, os petos de ánimas ou as cruces e os cruceiros. Un lugar sagrado que sempre determinou os diferentes vieiros dos vivos e dos mortos.