Concha Blanco publica a súa infancia contada ás netas

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

ANA GARCÍA

«Eu tamén fun pequena» é o novo libro da prolífica autora ceense, de certo modo en clave biográfica. Publica Xerais 

13 nov 2023 . Actualizado a las 23:37 h.

Está chegando ás librarías Eu tamén fun pequena, unha obra que recibe «con moita ilusión» a súa autora, a ceense Concha Blanco (1950), referente literario de Galicia. Baixo a colección Merlín, de Xerais, sae este libro: «É de lembranzas, de memoria, de conexión coas netas, que foron o punto de partida para que estas historias reais, vividas na miña infancia de Lires [Cee], saísen á luz», indicou Concha, que tivo no ilustrador Dani Padrón o perfecto complemento aos seus textos.

Son estas de Eu tamén fun pequena historias contadas no seu momento antes de durmir, recordos doutro tempo que contrastan co actual: agroma na obra un mundo rural dos 50, sen tecnoloxía e con escasas infraestruturas. «A través dos recordos da avoa e das preguntas que fan as nenas Ana e Mariña, abórdanse temas como o coñecemento e o respecto polas tradicións, a importancia do esforzo, o valor da lingua galega, a igualdade de xénero, o compañeirismo, a tolerancia, a xustiza, a paz, o coidado do medio ambiente, o fomento da lectura...»: velaí parte da sinopse desta publicación axeitada para público infantil e xuvenil —a partir duns 9 anos—, pero tamén para os adultos da casa, moitos dos cales —«sobre todo os da miña xeración e incluso algo máis maiores»— seguramente se recoñecerán nestas páxinas que volven a unha aldea que, aínda sendo ceense, é universal. «Naceu o libro dun xeito curioso, porque non ía ser un libro», di Concha.

As netas pasaban o verán na casa familiar e unha noite contoulles unha historia de cando era pequena. Logo, cada día, pedíanlle deses «contos que non eran contos». Pensou así a escritora que, se iso lles gustaba a Ana e Mariña, tamén podía gustarlles a outros pequenos, polo que comezou a dar forma e así resultaron textos entretidos, de lectura doada e cargados de contidos transversais, aínda non sendo de forma explícita.

Outro exemplo: o proveitoso da relación avós-netos, da convivencia e respecto mutuo: «Mírante como unha persoa maior, pero tamén reflexionan: dende a mirada dun neno, pensas que esa avoa foi coma ti, e que ti podes chegar a ser coma ela». ¿Pode verse en certo xeito como unha biografía? «Pode. Unha biografía compartida con outra rapazada coma min, porque daquela a aldea estaba chea de nenos, na casa do lado da miña había 11, unha festa continua».

Non falta na publicación o humor, e chega en parte das preguntas das pequenas, recurso que, como na obra Feminino singular, en plural, dá xogo e permite conectar o antes e o agora. «Nunha ocasión na que lles contei ás nenas como colliamos o peixe na ría, dixéronme: “Pero como non o gravaches?”. Elas ven a historia dende o presente, e que non había móbil parécelles incrible, pero que non había un teléfono pasou non hai tanto».

Mariña e Ana están «felices e contentas» coa publicación, herdeira en certo modo dunha afección pola narración oral que Concha tamén remite á súa infancia: «Na miña casa non se aburría ninguén. Era unha taberna con ultramarinos e tamén había un obradoiro de costura. Sempre estaba rodeada de xente que viña mercar, charlar... Escoitábaos contar cousas...».