Luísa Villalta, unha autora entre o rigor, a emoción e a ambición expresiva

a. s. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A escritora Luísa Villalta, nunha imaxe sen datar.
A escritora Luísa Villalta, nunha imaxe sen datar. Arquivo familia Villalta / Real Academia Galega

A Academia Galega abre o ano dedicado á escritora cun especial na Rede

09 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que o Día das Letras Galegas ten o seu acto central cada 17 de maio, ao longo de todo o 2024 o mundo cultural festexará a lingua e a literatura a través da figura de Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004). Unha figura «multixenérica», en expresión de Ana Romaní, compañeira de xeración da autora homenaxeada e a quen lle dedica unha biografía coa que a Real Academia Galega abre oficialmente o Ano Luísa Villalta. «Abraza a poesía, a literatura dramática, a narrativa, o ensaio, o xornalismo de opinión e mesmo cadernos de aforismos e de carácter memorialístico», debulla Romaní.

Desta primeira achega biográfica que se pode atopar en academia.gal despréndese que, malia non poder reducir nin simplificar a traxectoria de Villalta, si é posible identificar varios trazos que singularizan a súa obra: un rigor intelectual non rifado co pensamento apaixonado, xunto cunha procura da emoción a través da ambición expresiva. Son trazos que deben contemplarse como pezas dun todo: «É a dimensión integral dunha obra de gran coherencia con textos interconectados que emerxen dun mesmo núcleo: a paixón creadora na vontade da razón», describe Ana Romaní.

A Academia ten previsto ir sumando diferentes contidos ao longo do 2024, ademais de crear unha serie web e un espazo propio para o público infantil, Primavera das Letras. Diversos especialistas contribuirán coas súas achegas, ademais da participación da familia de Villalta. Na estrea deste espazo web xa participaron a nai e a irmá, María Gómez e Susana Villalta. Para esta última, cómpre afondar na dimensión filosófica que tamén cultivou a escritora. «Coido que non a destacou aínda case ninguén como merece. Ela era unha persoa profunda e moi culta, gustáballe moito transmitir o seu pensamento, un pensamento elaborado, avanzado para a súa época e perenne, preocupado pola dimensión social. A súa obra ten un trasfondo que fai pensar sobre o sentido da vida e reflicte a maneira que ela tiña de vela», valora Susana Villalta.

Con estes materiais, ademais das celebracións ao abeiro do Día das Letras, a Academia márcase como obxectivo non só que se coñeza mellor a obra e a traxectoria de Luísa Villalta, senón tamén como unha muller comprometida coa cultura e o seu país.