Dous irmáns revisan o mito celta de Lug cun filme «amateur»

Javier Becerra
Javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Xosé y Antón Píriz Calvo, creadores do comic e a película «Lug»
Xosé y Antón Píriz Calvo, creadores do comic e a película «Lug» cedida

Xosé e Antón Píriz Calvo empregaron a familiares como actores

10 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Primeiro foi un cómic. E, despois, unha película. Un filme que revisa a mitoloxía celta centrándose no personaxe Lug. Lonxe da superprodución que puidese suxerir algo así, trátase dunha peza totalmente da casa, feita con medios precarios por dous músicos de Meirás (Sada), Xosé e Antón Píriz Calvo, afeccionados ao cine. Iso si, sobrados de enerxía e coa complicidade dos seus familiares e amigos para dar renda solta á súa creatividade.

Lug (Editorial Toxosoutos), a obra de banda deseñada, presentouse o pasado verán. O lóxico é pensar que a película o adapta. «Realmente, o cómic é unha especie de tráiler da película —sinala Xosé—. Xorde a través de facer deseños da propia película e ver a estética que queriamos empregar». Nesa parte aparece a súa particular interpretación das lendas e mitos de Galicia. Pese a partir dunha fantasía, eles quixeron darlle o punto máis realista posible.

Explícao Xosé: «Por exemplo, na mitoloxía galega e irlandesa, Lug ten una espada de lume. Nós o que fixemos foi poñer unha espada de cobre, xa que queremos adaptar esa mitoloxía á realidade». Para iso tiveron que tirar de imaxinación e da tecnoloxía da que dispoñen na casa. «É unha película totalmente da casa. Os medios non son profesionais. Intentamos aproximarnos o máis posible a ese resultado profesional», admiten. Cómo? «Intentando imitar como poidamos as técnicas de cine e narración».

Sendo ambos músicos —Xosé fai neste curso un máster de trompeta en Alemaña, mentres que o seu irmán pequeno está co superior de música na Coruña de frauta travesa—, tiveron un coidado especial na música da cinta. «Musicalmente, creo que non ten por que envexar a moitas outras», admite. Tamén son importantes os efectos especiais de Javier González: «É un amigo noso. Ponlles paredes ás casas e tellados ao castro de Baroña, e iso fai que te metas moito no ambiente», indica.

Sen pretensións

O filme naceu exento de pretensións dende a súa concepción. Cando a estaban preparando no verán, dicían que aspiraban a podela estrear na Casa da Cultura Pintor Llorens de Sada. Este feito aconteceu o pasado 21 de decembro. A cousa non vai más aló diso. Polo menos por agora. «A nosa intención é de ocio totalmente. Queremos pasalo ben e facer estas historias coa familia e os amigos. Gozamos moito do feito de ideala e facela. Pero, se algún día nos chaman dalgún sitio para facer unha banda sonora dunha película ou facer algún traballo de tipo profesional, non queremos pechar ningunha porta».