Doan á Universidade de Santiago o arquivo rosaliano de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

Xesús Alonso Montero formaliza a doazón do Arquivo rosaliano Victoria Álvez Ruiz de Ojeda á Universidade de Santiago nun acto en San Xerome
Xesús Alonso Montero formaliza a doazón do Arquivo rosaliano Victoria Álvez Ruiz de Ojeda á Universidade de Santiago nun acto en San Xerome Santi Alvite

O seu viúvo, Xesús Alonso Montero, formalizou a entrega do legado 

21 feb 2024 . Actualizado a las 18:44 h.

A Biblioteca da Universidade de Santiago (USC) conservará o Arquivo rosaliano Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, profesora e investigadora que realizou importantes achados documentais relacionados coa biografía da autora de Follas Novas e publicou numerosos traballos referidos á súa obra. O viúvo da investigadora, Xesús Alonso Montero, formalizou a doazón do legado nun acto que contou co reitor da USC, Antonio López.

A Biblioteca universitaria xa recibiu dezaseis caixas con case cincocentos volumes e en próximas datas Alonso Montero entregará varios cartafoles máis con escritos rosalianos de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeada.

Entre os libros máis salientables do arquivo que pertencía á investigadora, falecida no 2018, atópanse primeiras edicións de Follas Novas (1880) e En las orillas del Sar (1884), así como un manuscrito inédito coa tradución castelá de Follas Novas realizada por Miacaela Mutuberría en torno a 1900. Tamén figura un volume que inclúe varias comedias españolas do século XIX nas que se consigna o nome de Rosalía de Castro á beira de varios personaxes que a poetisa representou nesas obras, detalla a Universidade.

A doazón, ademais dos libros, inclúe exemplares de teses de doutoramento e escritos inéditos, corenta cartafoles con folletos, recortes de prensa, esquemas e apuntamentos de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda; 46 libretas con notas e textos redactados en arquivos e bibliotecas pola investigadora, e sete arquivadores con material literario.

No acto de formalización da doazón, Alonso Montero tamén anunciou que proximamente sairá unha edición a cargo de Patricia Arias e outra facsimilar dunha obra inédita de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Titúlase Os nomes de Rosalía e consiste nun dicionario de expresións e palabras aplicadas para referirse a Rosalía, como «musa» ou «cantora».

O reitor da Universidade compostelá, Antonio López, agradeceu a xenerosidade da doazón e subliñou o valor do material que compón o arquivo de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda para o desenvolvemento de novas investigacións así como o enriquecemento do patrimonio da Universidade.

No acto de doazón celebrado no salón reitoral de San Xerome, Xesús Alonso Montero estivo acompañado pola directora da Biblioteca da USC, Mabela Casal, que resaltou que o fondo do arquivo de Victoria Álvarez xa a esta sendo exhibido en público. Tamén asistiron, entre outras persoas, a codirectora da Cátedra Rosalía de Castro, a profesora María do Cebreiro; Marilar Aleixandre, Antón Santamarina, Francisco Fernández Rei e José Manuel González Herrán.