Versos, música e caldo de gloria en máis de 300 locais lembran este venres a Rosalía

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O caldo de gloria, un dos clásicos atractivos do Día de Rosalía.
O caldo de gloria, un dos clásicos atractivos do Día de Rosalía. Ramón Leiro

Desde a Fundación Rosalía chaman aos gaiteiros a unirse á «Alborada», interpretando a peza musical escrita pola propia poeta

22 feb 2024 . Actualizado a las 23:14 h.

Santiago e Padrón serán o epicentro da celebración este venres do 187.º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, xa que acollerán os principais actos institucionais. Neles haberá versos e música, fundamentalmente. As actividades estenderanse, ademais, por toda Galicia con propostas de múltiples colectivos e entidades en lembranza da poeta. A iso hai que engadirlle que máis de trescentos comedores e locais hostaleiros incluirán nos seus menús o caldo de gloria seguindo a receita que a autora de Follas novas recolle no seu poema Miña casiña, meu lar. Desde a Fundación Rosalía chaman aos gaiteiros a unirse á Alborada de Rosalía, interpretando a peza musical escrita pola propia poeta.

O acto central terá lugar ao mediodía no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, onde a escritora foi bautizada ao día seguinte de nacer. Inclúe a lectura de poemas rosalianos e a actuación de Os Carapaus, a cantante Faia e alumnado da Escola de Música de Santiago. Antes, ás once da mañá, haberá alborada e ofrenda floral na praza de Vigo, preto de onde naceu Rosalía.

En Padrón, as actividades comezarán ás dez da mañá coa lectura de poemas do alumnado do IES Camilo José Cela e do Macías o Namorado diante da estatua de Rosalía. Ademais, volverá o caldo de gloria á Casa-Museo de Rosalía por primeira vez despois da pandemia. Será a partir das sete da tarde da man de Suso do Dezaseis, responsable do coñecido restaurante compostelán, e da cantante Uxía. Seguiralle o concerto de Faia.

Outra das actividades salientables da xornada será o Festival Rosalía, que se desenvolverá en Santiago pola tarde do venres e o sábado con 15 propostas.

Edición de tres obras

Por outra banda, a terceira edición do proxecto Rosalía de Castro, unha galega para un pobo, unha terra e unha fala, de Teófilo Edicións, acaba de saír do prelo. Trátase dun estoxo cunha coidada edición das tres obras poéticas máis salientables da autora: En las orillas del Sar, Cantares gallegos e Follas novas, ademais dunha biografía. Con esta proposta, explican desde Teófilo Edicións, queren «poñer en valor o noso e os nosos, facendo esta homenaxe á poeta galega».