A obra «oceánica» do padre Martín Sarmiento

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Presentación da nova publicación do Consello da Cultura sobre Sarmiento.
Presentación da nova publicación do Consello da Cultura sobre Sarmiento.

O Consello da Cultura publica o volume dixital «Erudición e ilustración. Estudos sobre Martín Sarmiento», no que recolle as actas do simposio que organizou sobre o frade beneditino

09 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Parecería razoable pensar que un autor que á súa morte non deixou máis ca unha obra impresa sería pouco coñecido fóra do seu país». Así comeza a profesora Concepción Varela Orol o ensaio A recepción da obra de Sarmiento en Europa nos séculos XVIII e XIX, que segue os rastros da presenza de textos manuscritos do frade galego en bibliotecas europeas e americanas e que fornece de pistas sobre a circulación das súas obras. O texto inclúese no volume dixital Erudición e ilustración. Estudos sobre Martín Sarmiento, co que o Consello da Cultura Galega (CCG) recolle as actas do simposio Martín Sarmiento. De historia natural e todo xénero de erudición —celebrado os días 28 e 29 de novembro do 2022— incorporando o traballo de doce expertos que abordaron o labor do intelectual desde diferentes ámbitos científicos. Nese mesmo ano apareceron os volumes I e V da Obra de 660 pliegos, que comezara a saír do prelo no 2008 coa publicación dos II, III e IV. Completábase así o labor de edición do texto deste oceánico escrito coincidindo co 250.º cabodano do autor, pois o seu pasamento ocorreu o 7 de decembro de 1772.

«A figura do padre Sarmiento está presente nas actividades do CCG desde os inicios da institución», explicou a súa presidenta, Rosario Álvarez, durante a presentación da nova publicación, editada por Henrique Monteagudo. Martín Sarmiento (1695-1772) foi autor dunha das obras intelectuais máis destacadas da España do século XVIII, pero boa parte do seu traballo ficou inédito e sen ir ao prelo durante moitos anos. Xunto coas diferentes iniciativas de dixitalización e difusión levadas a cabo polo CCG desde a conmemoración do tricentenario do seu nacemento en 1995, sucedéronse biografías sobre o autor e algúns estudos sobre a súa obra, pero «había vinte anos que non se abordaba un estudo crítico colectivo da súa obra», subliñou Monteagudo.

O propio Monteagudo, profesor da Universidade de Santiago, abordou a obra máis extensa do frade beneditino, a Obra de 660 pliegos; Joaquín Álvarez Barrientos detívose na súa figura no panorama intelectual do século XVIII; Ernesto Zaragoza estudou a toma de hábitos en Madrid, e Xosé Antonio López Silva detívose no anticuario. Gonzalo Navaza estudou as súas achegas sobre a toponimia galega, e Pegerto Saavedra, a conflitividade ao redor da terra e a súa propiedade. Xoán Carmona profundou na visión do comercio e da industria, e María Álvarez Lires estudou a Sarmiento como introdutor das teorías de Isaac Newton en España. Francisco Díaz-Fierros detívose na presenza do reino mineral, e Jesús Izco, na tradución dos nomes vulgares das plantas á nomenclatura de Linneo. Fran Saborido estudou o mar e a pesca na obra do frade, e Concepción Varela Orol, a recepción da obra.