Vigo amosa a obra gráfica realizada no exilio arxentino por Manuel Colmeiro

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

Detalle de dous dos gravados de Colmeiro.
Detalle de dous dos gravados de Colmeiro.

A Fundación Laxeiro recolle a produción do artista de finais dos anos 30 e dos 40

20 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A finais dos anos trinta e durante a década dos corenta do pasado século, o artista Manuel Colmeiro (Silleda, 1901-Salvaterra de Miño, 1999) enfrontou no exilio arxentino unha intensa labor no ámbito do gravado. Unha mostra daquel traballo artístico está exposta, baixo o título Colmeiro, punta seca, na Fundación Laxeiro de Vigo ata o 30 de xuño. A orixe deste proxecto está na colaboración establecida entre a familia do pintor silledense e a Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira. No medio situouse o experto en arte Carlos L. Bernárdez, quen asumiu o comisariado do proxecto en compañía de Xoán Pastor Rodríguez. Os froitos daquel contacto son a exposición e unha tiraxe de vinte carpetas numeradas que conteñen os 49 gravados exhibidos, destinada a distintas institucións galegas.

Nas paredes da Fundación Laxeiro pódense apreciar eses mesmos gravados xunto coas matrices orixinais de cobre e cinc. «Están xa moi gastadas e, penso, que non se poden imprimir máis», sinala o comisario. Bernárdez explica que a obra gráfica de Colmeiro non é moi abundante e sempre tivo edicións curtas, aínda que «ocupa un lugar senlleiro na súa actividade artística». Bernárdez subliña que o pintor crea estas pezas «dende unha liña clasicista renovada despois das vangardas e dende un posicionamento influído polo contexto político e social do exilio», ao tempo que, explica, os temas que trata reconstrúen Galicia dende a súa memoria. «É unha constante que caracteriza a arte galega na diáspora e que seguiron outros coma Lorenzo Varela (en Lonxe), Luís Seoane (en Fardel de eisilado e Homenaje a la Torre de Hércules) ou Castelao en Sempre en Galiza)». Colmeiro profunda nesa Galicia reconstruída desde a memoria e a muller como ideal, participando dunha das grandes liñas temáticas como é a ausencia da terra, que vindican tamén revistas como Galicia emigrante ou Saudade.

Detalle da exposición inaugurada en Vigo na sede da Fundación Laxeiro.
Detalle da exposición inaugurada en Vigo na sede da Fundación Laxeiro. M. Moralejo

Os gravados de Colmeiro son moito máis do que simples complementos da súa pintura, iluminan o proceso de formación e plenitude do pintor e informan sobre a súa situación nos diferentes espazos culturais e, ademais, documentan as súas máis profundas preocupacións en canto cidadán e en canto artista», detalla o comisario. A obra —cunha figuración neoclásica na que se aprecian influencias do Picasso das augafortes da Suite Vollard e tamén de Cézanne— plasma unha mirada cargada de referencias a Galicia «cunha certa idealización que inscribe estas pezas na figuración de entre guerras; temas como a muller, o traballo ou a visión bucólica da parella nunha paisaxe de reminiscencias mitolóxicas, nos descobren a faceta pouco coñecida dun Colmeiro gravador». Como afirma Bernárdez, os gravados remiten a un clasicismo ben presente na súa obra da década anterior. Trátase, incide, de fórmulas plásticas que transmiten unha consciencia da condición moderna porque, para o pintor, o clasicismo non é unha simple volta ao pasado, senón unha reformulación do ideal clásico peneirado por unha percepción moi ligada á identidade galega.

A exposición foi presentada por Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira e presidente da fundación, que destacou o papel de Colmeiro na renovación da arte galega. O rexedor Abel Caballero aproveitou o encontro para convidar a Pérez Barral a visitar o Nadal vigués.

A sede da Fundación Laxeiro está ubicada na Casa das Artes (rúa Policarpo Sanz, número 15, 3.º andar), e a exposición está aberta ás visitas de luns a venres entre as 18.00 e 21.00 horas; os sábados, de 12.00 a 14.00, e de 18.00 a 21.00 horas; e os domingos e festivos, de 12.00 a 14.00 horas. A entrada á sala é gratuíta.

O Concello vigués cataloga a súa colección do pintor de Silleda

O Concello de Vigo vén de catalogar a obra de Manuel Colmeiro pertencente as súas coleccións municipais. Beatriz Liz de Cea, autora do traballo, fixo unha revisión individual de cada unha das duascentas pezas incluídas nas coleccións. O resultado final recóllese nunha luxosa edición, cunha tiraxe de 300 exemplares. Este catálogo, deseñado por Carlos Álvarez, contén as obras de titularidade municipal adquiridas nos anos sesenta do século XX polo conservador do Museo Municipal Quiñones de León, Ángel Ilarri; as aportadas por doazón de Francisco Fernández del Riego; os tres murais que estaba no antigo Hotel Moderno; e as 166 obras cedidas pola familia do pintor nado en Silleda no ano 1901.

O catálogo está dividido en oito capítulos temáticos, que abranguen os retratos, a obra de estudio, o compromiso social e político, feiras e traballos, a muller, a paisaxe, a paisaxe con figura e a mitoloxía. Cada peza ofrece, a modo de ficha técnica, distintos apartados, como o título, a datación, as dimensións, a colección a que pertence, o número de inventario, as sinaturas, marcas e etiquetas, a forma de ingreso e a súa data, os dereitos de explotación, a historia do obxecto, a bibliografía correspondente e a reprodución da propia obra.