«O Corno» arrasa na gala dos premios Mestre Mateo con sete galardóns

La Voz A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Eva Veiga recibiu o premio de honra polo seu compromiso coa televisión

24 mar 2024 . Actualizado a las 16:53 h.

O filme O corno conquistou onte os vixésimo segundos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego ao acadar sete galardóns dos 14 aos que optaba, incluídos os das grandes categorías de mellor película, guión e dirección, para Jaione Camborda, que se mostrou moi agradecida a Galicia como a «terra de acollida» que tanto marca a súa obra. O segundo longametraxe da cineasta vasca obtivo tamén os recoñecementos ás mellores dirección de arte, maquillaxe e perruquería, son e vestiario. Este drama ambientado na Illa de Arousa xa gañara a Concha de Oro no Festival de San Sebastián e a súa protagonista, Janet Novás, alzouse co Goya á mellor actriz revelación.

O potencial do sector en Galicia quedou patente nunha cerimonia celebrada no Coliseum da Coruña ante diferentes personalidades do mundo do espectáculo e representantes políticos. Foron arredor de 2.000 os asistentes a unha gala conducida por Lidia Veiga e Miguel Canalejo e amenizada por Fillas de Cassandra. O presentador Xosé Ramón Gayoso deu pé a un dos momentos máis emotivos da festa ao entregarlle o Premio de Honra Fernando Rey á xornalista eumesa Eva Veiga polo seu compromiso coa televisión pública e pola súa traxectoria.

Os académicos recoñeceron por segundo ano consecutivo a Tamar Novas como mellor actor protagonista, nesta ocasión polo filme ¡Salta!. A mellor serie foi Rapa, que dominou tamén as posicións de mellor montaxe (Gaspar Broullón, Julia Juanatey e Lucía Iglesias) e mellor música orixinal para Xavi Font. O premio a mellor videoclip foi para Oliveira dos cen anos, o proxecto de C. Tangana para o himno do centenario do Celta.

A reivindicación tamén estivo presente xa que o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, denunciou que a Academia Valenciana —coa súa presidenta presente— sofre «os efectos da intolerancia e a censura». Tamén houbo tempo por en valor os traballos de dobraxe e rexeitar o acoso sexual. «Acabouse», como rezaban os abanos entre o público.

«Matria», a segunda gran triunfadora 

A película Matria, que partía con dez candidaturas, converteuse na segunda grande vencedora da noite. Fíxose con cinco galardóns, entre eles, os de mellor actriz protagonista para María Vázquez e mellores interpretacións de reparto para Susana Sampedro e Santi Prego. Tamén acadou o Mestre Mateo pola dirección de fotografía de Lucía C. Pan e a dirección de produción de Nati Juncal.

Os académicos distinguiron á presentadora e actriz coruñesa Lucía Veiga como mellor comunicadora e a Espazos en Branco, de Bruno Arias, como mellor documental. O recoñecemento a mellor anuncio publicitario foi para a peza Chama a miña nota, de Recados Carmen para Balidea e Universidade de Vigo. Cos pés na terra acadou o premio ao mellor programa, mentres as curtametraxes gañadores foron O Coidado e To bird or not to bird.