Irónico Borges

CULTURA

06 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Oescritor arxentino Jorge Luis Borges tiña un enorme talento que o mesmo lle permitía argumentar a favor que en contra de algo ou alguén. Entre os seus amigos españois quedaron moitas lembranzas de afirmacións súas, que non sempre foron divulgadas, porque nunca estaba claro se se trataba de ironías privadas para divertir o oínte ou de afirmacións satíricas destinadas a xerar unha pública confusión, sobre todo porque non sempre era posible distinguir se expoñía argumentos sólidos ou simples chanzas. O filólogo Pedro García Domínguez, grande admirador e amigo do escritor, non puido resistir a tentación de relatar algunhas desas chanzas, que eu tratarei de resumir aquí.

Nunha das visitas a España, Borges hospedouse no colexio maior arxentino Martín Fierro, na cidade universitaria de Madrid, onde residía o filólogo Luis Martínez Cuitiño, tamén arxentino. E, pola amizade que tiña con este, Borges prefería acollerse alí, a onde chegaba acompañado polo seu amigo Marcos Ricardo Barnatán e onde compartía comidas co escritor uruguaio Juan Carlos Onetti e cos españois Luis Rosales, Félix Grande e Pepe Hierro, entre outros. Nunha das ocasións, Borges pronunciou cinco brillantes conferencias, nas que demostrou a súa prodixiosa memoria de cegato sen ter papel diante.

Porque a erudición de Borges era enorme, políglota e ás veces implacable, sobre todo nas comidas, nas que a súa capacidade irónica desembocaba moitas veces en afirmacións arriscadas. Para comezar, lamentaba a «liviandade da literatura española», da que salvaba a Per Abbat, Francisco de Quevedo e Rafael Cansinos Assens. Mais foi ao falar de Machado cando se despendolou: «Don Manuel —dixo—, ¡que gran poeta e que inxustamente ignorado en España!». Félix Grande corrixiuno crendo que se refería a Antonio Machado. Pero Borges soou entón implacable: «Ah, pero Manuel tiña un irmán?». Puxérase en marcha o seu enxeño burleiro. Porque a partir de aí xa non tiña freo: «Os admiradores de García Lorca son uns desagradecidos, pois, grazas a Franco, que o fusilou, non é un descoñecido», afirmou. E todos quedaron pasmados… Quizais foi así como o premio Nobel se foi afastando del.