Doce propostas galegas, seleccionadas nos premios Arquitectura 2024

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Entre as doce propostas galegas, figuran traballos como a reforma do complexo administrativo da Xunta en San Caetano en Santiago.
Entre as doce propostas galegas, figuran traballos como a reforma do complexo administrativo da Xunta en San Caetano en Santiago.

O campus de Vigo, deseñado por Benedetta Tagliabue e rematado no 2004, foi seleccionado no apartado de permanencia, que enxalza a súa capacidade para perdurar no tempo

15 abr 2024 . Actualizado a las 21:36 h.

O Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE) deixou 185 propostas seleccionadas na primeira fase dos premios Arquitectura 2024, entre as que Galicia acaparou unha ducia. Son sete obras de edificación —a rehabilitación da vivenda de As Baratas n.º 20 en Silleda, a primeira fase de reforma do complexo administrativo de San Caetano en Santiago, un edificio de 17 vivendas en Vigo, a casa Regoufe en Teo, o campus universitario de Vigo, o espazo de usos múltiples Art Village en O Saviñao e a reforma dun inmoble da Autoridade Portuaria da Coruña—, dúas de divulgación —a revista VAD e o pódcast El punto gordo—, dúas obras de espazo público —a reforma do contorno do mercado de San Agustín na Coruña e a construción dun apeadoiro de autobuses en Ribeira— e unha de interiorismo —a casa Vistalegre en Santiago—. Sobre as candidatas galegas, o decano do COAG, Luciano Alfaya, enxalza o seu compromiso «coa paisaxe, co emprego responsable dos materiais e a súa adecuación á escala do territorio». A elección das 185 propostas foi realizada polos comités de expertos dos colexios oficiais de arquitectos e consellos autonómicos nos seus ámbitos territoriais, e saíu de entre as 497 recibidas nesta edición, un 15 % máis ca na anterior. O resultado mostra a ampla representación dos premios, así como a diversidade e a calidade dos proxectos presentados, que van desde edificación, planificación urbana, interiorismo ou arquitecturas efémeras, ata traballos de divulgación e difusión, entre outros.

As propostas destacan pola súa innovación e calidade, polo seu impacto positivo na mellora continua do benestar individual e colectivo, o reforzo cultural do noso patrimonio e a recuperación do equilibrio medioambiental e territorial. De acordo coa distribución territorial, a lista encabézana as 30 propostas de Cataluña e as 30 de Madrid, 17 en Andalucía, 16 na Comunidade Valenciana, 14 no País Vasco e Navarra, e 14 en Castela e León, por diante das 12 e Galicia, seguidas das 8 nas Canarias, 7 en Castela-A Mancha, 6 en Aragón, 6 en Baleares, 6 en Murcia, 6 en Cantabria, 5 en Estremadura, 5 na Rioxa e 3 en Asturias.

O campus de Vigo, deseñado por Benedetta Tagliabue e rematado no 2004, foi seleccionado no apartado de permanencia, que enxalza a súa capacidade para perdurar no tempo. «O proxecto —lembra o COAG— busca unha integración xenuína coa natureza. Situada nas faldras dunha montaña, a universidade fusiónase coa contorna. A montaña convértese en parte central do aulario, creando unha praza que conecta co reitorado e outras áreas comerciais. O material principal, pedra galega, xunto con formigón e madeira, intégrase coa topografía. A harmonía entre o negativo e o positivo reflicte unha relación excepcional entre arquitectura e natureza».