Martín Códax abre ao público a votación dos premios da música en Galicia

Serxio González Souto
Serxio González CAMBADOS / LA VOZ

CULTURA

MONICA IRAGO

57 bandas e proxectos finalistas optan á 11.ª edición dos Grammy galegos. Os gañadores daránse a coñecer o 15 de maio, no Pazo da Cultura de Pontevedra

25 abr 2024 . Actualizado a las 14:18 h.

«Unha gran celebración da selva diversa e espectacular da música galega contemporánea». Deste xeito definiu Xurxo Souto os Premios Martín Códax da Música. O motor dos Diplomáticos, que exercerá como presentador da gala que o 15 de maio dará a coñecer os gañadores da súa undécima edición, acostuma a ter puntería cando fala. Desta volta, foron máis de catrocentas as candidaturas que presentaron as súas credenciais para se facer cunha das 19 categorías entre as que se distribúen os galardóns e cada ano miden a temperatura da música que flúe dende Galicia. Entre elas, o xurado profesional vén de escoller a 57 finalistas, que onte se reuniron nas bodegas de Cambados nunha festa que salienta o carácter non competitivo dunha iniciativa que ben merece a etiqueta de Grammy galaicos.

O carácter colaborativo da convocatoria musical sobe enteiros este ano coa decisión da organización —integrada pola asociación Músicas ao Vivo, co patrocinio de Martín Códax— de abrir a elección dos gañadores ao público en xeral. De feito, o traballo do xurado xa rematou. A xornalista Pilar G. Rego, a violinista Elena Vázquez, o guitarra Alberto Busto, a baixista Maritxhinha e Cao de Mos, responsable da sala Rebullón, fixeron a súa parte, debullando as candidaturas ata chegar a estes 57 aspirantes finais.

A partir de hoxe mesmo, e ata o 12 de maio, quen queira tomar parte na escolla definitiva poderá facelo a través da web premiosmartincodaxdamusica.gal e un sistema de puntos. O único requisito é votar, cando menos, en cinco categorías e validar a elección. No reconto final, a opinión do público representará o 50 % do baremo, mentres que a metade restante ficará nas mans dos socios e socias de Músicas ao Vivo.

Nesta selva que Souto tanto aprecia hai oco para todos os gustos. Dende a música tradicional ata o metal, das opcións máis urbanas ás composicións orquestrais. Dende xente consolidada coma Susana Seivane ou Guadi Galego, nominadas, por certo, ata artistas emerxentes, categoría creada no 2022 que este ano ten coma finalistas a Leria, Mondra e Gloria Pavía. Sen esquecer os tres niveis Organistrum, que distinguen o labor dos proxectos de comunicación e difusión, dos festivais e das salas.

Xoán Allegue, presidente de Martín Códax, anfitrión xunto á presidenta de Músicas ao Vivo, Sheila Patricia, incidiu onte no apoio á cultura como «parte da identidade das bodegas». Un pulo no que tamén arriman o ombro a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, o Concello e a Deputación de Pontevedra. A solución, en dúas semanas, no Pazo da Cultura da cidade do Lérez.

Os 57 finalistas dos XI Premios da Música Martín Códax

  • Blues, Funk e Soul. Brais Morán & Nasaufunk, O Cadelo Lunático, Martins Aneiros Band
  • Folk. Caamaño & Ameixeiras, Susana Seivane, De Ninghures
  • Músicas do Mundo e Mestizaxe. Catuxa Salom, Raposa, Woyza & The Galician Messengers
  • Canción de Autor/a. Antía Muíño, Guadi Galego, A Pedreira
  • Músicas Urbanas. Ash Diz, hydn, C Miranzo
  • Orquestras, Grupos e Música de Verbena. América de Vigo, Burgas Big Band, Orquesta Charleston
  • Metal e Heavy. Youcanthide, Her Anxiety, Rymer
  • Bandas de Música Popular. Agrupación Musical de Goián, Banda de Música Municipal de Silleda, Banda de Música Unión de Guláns
  • Música Tradicional. Malvela, Mediarea, Os Melidaos
  • Música Infantil. A Gramola Gominola, Uxía Lambona e a Banda Molona, Pakolas
  • Música Clásica e Contemporánea. Fabio Álvarez, Carme López, Juan Eiras
  • Electrónica. Mondra, Lontreira, Grande Amore
  • Jazz e Músicas Improvisadas. Orquestra Galega de Liberación, Pablo Sanmamed Trío + Benxamín Otero, Diego Alonso
  • Rock e Punk. Moloch, Terbutalina, Mad Martin Trío
  • Pop e Indie. The Rapants, Lucía Aldao, Måi
  • Finalistas Organistrum, Proxectos de Comunicación e Difusión. Miudiño Sessions, O TikTok de Rodri Míguez, Revista Rebelico
  • Festivais. Galegote, EmigraSON, As Nosas Músicas de Couso
  • Salas. Mardi Gras, A Pousada da Galiza Imaxinaria, A Arca da Noe
  • Finalistas Artista Emerxente. Leria, Mondra, Gloria Pavía