Saramago e Torrente Ballester

CULTURA

Saramago, na inauguración dun seminario sobre Torrente Ballester en Ferrol, no ano 2004.
Saramago, na inauguración dun seminario sobre Torrente Ballester en Ferrol, no ano 2004. María Villar

08 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1998 a Academia Sueca outorgoulle o Premio Nobel de Literatura ó gran escritor portugués José Saramago, un fillo de labregos sen terras de seu que, por dificultades económicas, non puidera proseguir os estudos universitarios. Algo que non lle impediu escribir novelas como as tituladas Levantado do chan, Ensaio sobre a cegueira ou Todos os nomes, que o converteron en merecedor desta gran distinción.

O paradoxal da situación foi que Saramago, que finou o 18 de xuño do 2010 na súa casa de Lanzarote, sempre tivo unha gran admiración polo traballo do escritor ferrolán Gonzalo Torrente Ballester, sobre todo a súa novela La saga / fuga de JB, que lle parecía unha obra literariamente descomunal. E ten sentido relembrar isto agora, cando se acaban de cumprir 25 anos da morte de Torrente Ballester, coas debidas homenaxes públicas, e cando o próximo 10 de xuño fará catorce anos que finou José Saramago.

Porque é ben certo que o tempo non pasa en van e que os dous recibiron as coiteladas dun abandono temporal que, non obstante, está moi lonxe de poder sepultalos no esquecemento. A revisión recuperadora de Torrente Ballester parece que está a reactivarse agora. Pola banda de Saramago cabe subliñar que recibiu o Nobel pola súa capacidade para «volver comprensible unha realidade fuxidía, con parábolas sostidas pola imaxinación, a compaixón e a ironía».

Dentro da súa visión política, vén ó caso relembrar que no 2007 Saramago profetizou que «Portugal e España acabarán estando unidas baixo o nome de Iberia». Un prognóstico que aínda non se ten cumprido, certo, pero que ofrece unha idea da súa visión integradora ó abeiro dunha colosal imaxinación.

Estiven cos dous en distintas ocasións. Con Torrente en Santiago de Compostela, en Madrid e na Ramallosa, onde gravei con el no ano 2006 unhas entrevistas para a realización do libro titulado Conversas con Gonzalo Torrente Ballester. Con Saramago coincidín varias veces en Madrid e sempre tivo a amabilidade de dedicarme un tempo cheo de ironía e de bo humor. Porque os dous eran tamén uns grandes conversadores.