Galaxia rescata o «Libro das colunas» de Luísa Villalta

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), retratada nunha praia.
Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), retratada nunha praia. Arquivo Familiar | RAG

A recompilación ao coidado de Xosé Enrique Acuña recolle a obra xornalística publicada pola autora homenaxeada no Día das Letras

09 may 2024 . Actualizado a las 01:02 h.

Galaxia pon o ramo ao seu proxecto editorial arredor de Luísa Villalta con motivo do festexo do Día das Letras Galegas 2024 co rescate do Libro das colunas, unha recompilación ao coidado de Xosé Enrique Acuña que recolle a obra xornalística publicada pola autora coruñesa —homenaxeada este ano pola Real Academia Galega— no semanario A Nosa Terra entre o 4 de xaneiro do 2002 e o 4 marzo do 2004, tan só dous días antes do seu temperán e inesperado pasamento. Son artigos de moi diversas temáticas, explican desde o selo vigués, mais en todos eles están presentes «as liñas de forza que percorren toda a súa obra, dende o compromiso coa lingua e a cultura galegas, a militancia cidadá, a denuncia social e a loita contra a indulxencia e a conivencia co poder establecido».

Hai unhas semanas, na súa colección Literaria, apareceu Narrativa reunida, que xunta a obra narrativa que Villalta publicou en vida. O volume está conformado polo libro de relatos Silencio, ensaiamos (1991), un variado conxunto de once pezas nas que xa destacan algúns dos asuntos máis queridos da autora, como a música, o valor da palabra e o paso do tempo. Tamén por Teoría de xogos (1997), quizais a súa novela máis ambiciosa, unha obra alegórica na que constrúe a existencia como xogo, e onde os cinco protagonistas transitan coma monicreques manexados pola man do azar nunha engrenaxe narrativa fonda e reflexiva. E a novela histórica As chaves do tempo (2001), que recrea unha Galicia mítica gobernada polo rei Artur baixo o consello do mago Merlín, e na que se presenta o dilema da sucesión do monarca entre os seus herdeiros. «Un libro de forte carga simbólica arredor da identidade dos galegos», lembra Galaxia, e que foi pensado dalgunha maneira para un público mozo. Estas tres obras, resultan fulcrais —sinala a editora— na construción da personalidade intelectual e creativa de Villalta, e son unha mostra do seu compromiso coa escrita e a sociedade que lle tocou vivir, onde, como ela dixo, «as palabras son enerxía contra o tempo e o único depósito fiábel para a esperanza».

Estas publicacións redondean a proposta de Galaxia iniciada con Pensar é escuro, que recuperaba os catro títulos que Villalta dispuxo en vida para a su?a publicación: Mu?sica reservada (1991), Rui?do (1995), Rota ao interior do ollo (1995) e En concreto (2004); e O outro lado da música, a poesía, que achega a Luísa Villalta poeta, pero tamén á especialista en música que asumía que ambas as artes bebían a unha da outra.