A música de Luísa Villalta, de estrea

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O Grupo Instrumental Siglo XX, liderado polo violinista Florian Vlashi, en pleno Concerto das Letras no Teatro Colón; sentado, á dereita, agardando para cantar, o barítono Daniel Mosquera.
O Grupo Instrumental Siglo XX, liderado polo violinista Florian Vlashi, en pleno Concerto das Letras no Teatro Colón; sentado, á dereita, agardando para cantar, o barítono Daniel Mosquera. Eduardo Pérez

A ópera de cámara «Concerto para un home só», a partir da obra teatral da autora homenaxeada nas Letras e composta por Federico Mosquera, soou no Teatro Colón

17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Amadísimo público, señora condesa, ilustres espectadores. Gracias, gracias». Así bota a andar a obra teatral de Luísa Villalta Concerto para un home só, unhas palabras que retomou este xoves Alejo Amoedo, secretario do Consello da Cultura Galega (CCG), para introducir a décimo cuarta edición do Concerto das Letras Galegas, que xa é tradición celebrar nas vésperas do 17 de maio, e que acolleu o coruñés Teatro Colón.

Nesta ocasión o recital —protagonizado polo Grupo Instrumental Siglo XX, que fundou en 1996 o violinista Florian Vlashi— supuxo a estrea absoluta da ópera de cámara que Federico Mosquera (A Coruña, 1986) compuxo a partir da citada peza, nun encontro que, como non, conciliou a faceta musical e literaria de Villalta. Pola homenaxe —nunha iniciativa que promove o CCG— desfilaron «o teatro, a poesía, a cidade alta, Bach, Vivaldi, o violín, o compromiso social, todas elas marcas da identidade» da autora que festexan as Letras, subliñou Amoedo. O concerto poderá verse hoxe (ás 23.13) na segunda canle da TVG.

O Concerto grosso para dous violíns, op. 3, número 11, RV 565 de Antonio Vivaldi, un dos compositores favoritos de Villalta, abriu o programa, no que despois soou a primeira estrea da velada, Bachian reflex. Präludium und fugue, do autor albanés Edmond Buharaja —creador ben coñecido na escena musical da Coruña—, unha proposta que dialoga coa obra doutra das figuras de referencia no universo emocional e creativo da homenaxeada: Bach.

Estas dúas pezas anunciaban o momento máis agardado da noite: a estrea do Concerto para un home só. Monodrama para baixo-barítono, violín e grupo instrumental de Mosquera —que, por certo, dedicou a partitura de forma póstuma ao crítico e compositor coruñés Julio Andrade Malde—. «Unha peza que eliminou texto da obra orixinal, que foi recortada e adaptada para poder ser cantada», explicou o propio compositor, que desenvolveu a súa escritura, ao longo de catro meses, en continuo diálogo co seu irmán Daniel, barítono encargado de poñerlle voz, e que adaptou ás súas características vocais. «Penso que Luísa Villalta tería gustado moito deste proxecto, porque no seu legado queda claro que ela tiña intención de facer algo que fundira música con outros xéneros», anotou Mosquera.

O Concerto para un home só apareceu en 1976, editado nos Cadernos da Escola Dramática Galega. Unha incursión na esfera teatral —alentada por Francisco Pillado, que a animou a dramatizar un relato que ela elaborara previamente— que aborda o monólogo reflexivo dun violinista que se ve na obriga de explicar ao público a imposibilidade de continuar coa interpretación da Partita número 2 de Bach por mor da rotura das cordas do seu violín. Daniel Mosquera púxolle acaída voz ao home que dialoga co seu violín no escenario, nun traballo no que tamén participou o actor Xosé Barato. A escenografía foi labor da empresa As Dúas e Punto.

Os irmáns Mosquera pensaron esta ópera para un só cantante (baixo-barítono) e ensemble mixto instrumental de cámara, integrado por oito instrumentos (óboe, clarinete, fagot, trompa, viola, violonchelo, contrabaixo e percusión) capitaneados polo violín de Vlashi. O concerto rematou, como é habitual nesta proposta literaria e musical, cunha emotiva interpretación do himno galego, que contou desta volta coa voz de Daniel Mosquera.

Entre os asistentes, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a familia Villalta Gómez, e unha ampla representación da sociedade e da cultura galegas, que encheron o Teatro Colón.