Loureiro viaxa tras a alma de Ferrol

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

«Non sei en que xénero se podería encadrar este libro, 'Ferrol'. Pero, aínda que non estea escrito  en verso, eu case me atrevería a dicir que é poesía», defende Ramón Loureiro, Premio Julio Camba, que fala dun libro «necesario».
«Non sei en que xénero se podería encadrar este libro, 'Ferrol'. Pero, aínda que non estea escrito  en verso, eu case me atrevería a dicir que é poesía», defende Ramón Loureiro, Premio Julio Camba, que fala dun libro «necesario». José Pardo

Un libro firmado polo xornalista fenés e o fotógrafo Daniel Díaz Trigo debuxa «unha cidade máxica, un lugar feito, esencialmente, de luz e de literatura»

01 jul 2024 . Actualizado a las 16:31 h.

Ferrol ten unha personalidade de seu. Moi forte. Histórica e indeleblemente marcada polo seu carácter defensivo naval e pola construción de barcos, pero tamén pola ría que se abre ao mar nunha estreitura entre castelos, a presenza da Armada e o Arsenal, o deseño urbano da Magdalena coas raíces na enxeñaría militar e a Ilustración, os barrios populares de Esteiro e Canido, o peirao da Cruz (despois substituído polo de Curuxeiras) nas auténticas orixes da aldea de pescadores e mariñeiros —recoñecido xa no século XIII por Afonso X o Sabio como parte da rede de portos da Coroa de Castela—... Ferrol é un, único, pero ten moitas faces. Tras a alma desa fermosa e complexa faciana, desta urbe, viaxan o xornalista de La Voz de Galicia e escritor Ramón Loureiro (Sillobre, Fene, 1965) e o fotógrafo Daniel Díaz Trigo (Lugo, 1971) no seu libro Ferrol, que publica a editorial Lorref, selo que nace con este mesmo proxecto e que dirixe Ismael González Bouza.

«Ferrol —corrobora Loureiro, Premio Julio Camba— é unha cidade absolutamente singular, que non se parece a ningunha outra. A Antonio Tabucchi, amigo do que me acordo moito, díxenlle un día en Ferrol: “Aquí é onde remata Europa, Antonio”. E el respondeume: “Non, é onde Europa comeza”. E tiña razón». A través de breves textos de indubidable alento poético —recuperados, reescritos e actualizados para a ocasión—, que enriquecen as imaxes de Díaz Trigo, tamén cheas de simbolismo —cuxa mirada axuda a contemplar e chegar alén da evidencia—, indaga a verdade «dun lugar máxico, feito, esencialmente, de luz e de literatura; un espazo cun pasado fascinante e que confío en que teña un marabilloso futuro tamén». «Ferrol —confesa o autor de As galeras de Normandía— é unha cidade á que llo debo todo, e pola que sinto un inmenso afecto. Don Gonzalo Torrente Ballester, parafraseando a Graham Greene, afirmaba aquilo de “Ferrol me fecit”, é dicir, ‘‘foi Ferrol quen me fixo’’. E eu digo exactamente o mesmo; Ferrol tamén me fixo a min», insiste.

Como anota no limiar o profesor José Antonio Ponte Far, neste libro abrolla nidio un territorio moi querido, ese Ferrol, «a nosa fermosa cidade, [que] detrás dunha plácida ría con modernos navíos dispostos a sucar o grande océano, agocha orgullosa os seus encantos e a súa historia».