Os trobadores da ría de Vigo, agora en xaponés

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Takekazu Asaka (Tokio, 1952) leva moito tempo tendendo pontes entre a súa terra natal e Galicia.
Takekazu Asaka (Tokio, 1952) leva moito tempo tendendo pontes entre a súa terra natal e Galicia. Paco Rodríguez

Takekazu Asaka, recentemente nomeado académico de honra da RAG, traduciu todos os poemas de Martín Códax, Mendinho e Johán de Cangas e reuniunos no libro «Tres xograres da ría de Vigo», que incorpora ademais un cedé no que o Trío Amaluz musica e interpreta en xaponés as cantigas 

18 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O recentemente nomeado académico de honra da Real Academia Galega (RAG) Takekazu Asaka (Tokio, 1952) continúa tendendo pontes entre a súa terra natal e Galicia coa tradución ao xaponés de todos os poemas de Martín Códax, Mendinho e Johán de Cangas, os tres vinculados xeograficamente á ría de Vigo. Deste xeito, profunda na súa aproximación á lírica medieval. Xa anos atrás traducira as sete cantigas de amigo de Martín Códax do pergamiño Vindel e máis recentemente se achegara ás Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio.

Tres xograres da ría de Vigo, ese é o título deste novo traballo, ademais de incluír a tradución dos poemas, conta cun limiar escrito pola profesora Mercedes Brea, especialista na lírica trobadoresca. Takekazu Asaka tamén aborda a música das cantigas e como ler os códices. Neste traballo, como xa fixo outras veces, non faltará a música, xa que incorpora un cedé no que o Trío Amaluz musica e interpreta en xaponés as cantigas de Martín Códax, Mendinho e Johán de Cangas.

A nova publicación foi presentada este luns nun acto no pazo compostelán de San Roque encabezado polo conselleiro de Cultura, José López, que salientou o compromiso de Asaka coa proxección internacional da lingua e a literatura galegas. Hai que lembrar que con anterioridade Takiño —como chaman en Galicia a Takekazu Asaka— xa levara ao xaponés obras de Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas e Uxío Novoneyra, entre outros autores.