O Gaiás busca darlle un novo impulso ao seu papel co relevo de María Pereira como responsable de acción cultural

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

María Pereira chegou ao Gaiás no 2012, un ano despois da súa apertura.
María Pereira chegou ao Gaiás no 2012, un ano despois da súa apertura. Paco Rodríguez

A Cidade da Cultura procura afondar na dixitalización e internacionalización da cultura, o apoio á comunidade de creadores e a descentralización

24 jun 2024 . Actualizado a las 20:26 h.

A Consellería de Cultura busca darlle un novo impulso ao Gaiás co relevo de María Pereira Otero á fronte da dirección de acción cultural, posto que ocupou os últimos doce anos. Para realizar esta substitución lanzará un concurso público a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, convocatoria coa que busca abrir unha etapa nova na súa programación. Con esta decisión, detallan desde o Gaiás, a institución procura afondar na dixitalización e internacionalización da cultura, no apoio á comunidade de creadores e na descentralización do Gaiás, obxectivos recollidos no segundo plan estratéxico, que abrangue o período 2021-2027. A fundación enxalza a profesionalidade do labor de María Pereira ao longo dunha etapa na que, defende, a Cidade da Cultura se consolidou como unha das entidades culturais máis dinámicas de Galicia. A elección da nova dirección farase mediante un concurso cuxa convocatoria terá lugar nos próximos días, «un proceso transparente que cumprirá cos criterios de mérito e capacidade para a selección da candidatura idónea», recalca a consellería.