A poeta Yolanda Castaño publica o seu ensaio sobre a necesidade de dignificar os traballadores da palabra

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Yolanda Castaño (Compostela, 1977).
Yolanda Castaño (Compostela, 1977). Ana García

Texto controvertido e persoal, bebe da experiencia da autora para elaborar unha crítica do mundo literario que, «sen dúbida, non deixará a ninguén indiferente», vaticina a editorial Galaxia

12 jul 2024 . Actualizado a las 20:21 h.

Sabe do que fala. Ela mesma conseguiu despois de moito tempo un equilibrio económico no desenvolvemento profesional da súa actividade: a escrita (a poesía) e a programación cultural. Razón de máis para que publique un libro no que reflexiona sobre este asunto. Yolanda Castaño, unha das voces referentes da literatura galega, gañou co seu primeiro libro de ensaio, Economía e poesía. Rimas internas, o premio Ramón Piñeiro 2023. Foi o pasado decembro. Agora chega ás librarías da man do selo Galaxia. A autora amosa, neste texto, gran capacidade para abrir debate arredor dun «elefante na habitación» —como o cualifica a editora—: a profesionalización do mundo cultural e a necesidade de dignificar os traballadores da palabra en xeral, e da poesía, en particular, con remuneracións axeitadas ao valor e á relevancia do seu labor. Con posicións fondamente polémicas, Castaño critica prácticas e procederes dos distintos axentes do sistema cultural «tendentes á desprofesionalización do oficio autorial e á minusvalorización das súas achegas». Economía e poesía establece un diálogo complexo, cheo de luces e sombras, que interpela a colectivos, institucións, artistas e profesionais incidindo na «aposta polo xusto pagamento aos labores do oficio de poeta alén das concesións militantes». Ensaio controvertido e persoal, bebe da experiencia da autora para elaborar unha crítica do mundo literario que, «sen dúbida, non deixará a ninguén indiferente», vaticina Galaxia. Despois de trinta anos dunha traxectoria de renome internacional, Castaño é unha das poucas figuras que ten acadado a posibilidade de vivir da poesía, polo que tira conclusións ao fío do vivido cunha reflexión que convida unha ollada cómplice dende calquera oficio creativo ou cultural.