A felicidade das baleas

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE CROCODILO

CULTURA

15 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A información é poder. Iso din pero cada vez teño máis dúbidas. Supoño que a afirmación hai que situala no contexto de tempos en que penetrar intimidades alleas eran accións cuxo proveito, especialmente cando referidas a adversarios políticos, estaba en proporción directa á dificultade de obter éxito. Do affaire Dreyfus ao dúo Ábalos&Koldo, a historia de Occidente demostra que non hai xeito máis rendible de acantoar o contrincante que obter información comprometedora, normalmente usada para evidenciar a diferenza entre o que aquel di facer e o que realmente fai. Pero á información pásalle o que a calquera ben de consumo: canto máis abunda, tanto valor vai perdendo. Sabe vostede que un home contemporáneo recibe nun día o equivalente aos impactos informativos que un home medieval recibía ao longo de toda a súa vida?

Eu creo que nunca a información estivo tan devaluada. E isto débese máis a unha razón cualitativa que meramente cuantitativa. Que a información diaria á que estamos expostos padece de hipertrofia é obvio: medios impresos, dixitais, redes sociais, breaking news no ordenador e no móbil, tertulias, opinadores, analistas sen fin e pontificadores que, ao xeito de Dulcín de Novara cos seus acólitos, transmiten diariamente os seus dogmas. Pero é que, ademais, todo este torrente de comunicación resulta extraordinariamente sobado, reiterativo e carente de novidade agás para seareiros. Tome vostede o menú dun día calquera: Begoña Gómez nos xulgados; o outro coa máquina do fango; Puigdemont paseando eses pelos por aí e o infeliz de Illa a velas vir; a milonga do CGPJ; García Ortiz, García Castellón, Barrabés, Aldama, Yolanda Díaz e Tellado declamando metáforas vitriólicas… Arj! Para apouchar con isto día si e día tamén hai que botarlle un peito como un lobo…

Pero todo ten na vida o seu aquel e, por veces, unha info compensa de tanta paparrucha. Leo neste xornal que, como consecuencia do confinamento humano durante a pandemia, as baleas rebaixaron significativamente o seu nivel de cortisol e foron máis felices. Ben polas baleas. Hai novas que son un xerro de auga fresca no deserto.